Valdoviño rende tributo a Ana Bouza García, figura clave na dinamización cultural e social de Vilaboa

A homenaxe centrou a conmemoración do Día Internacional da Muller

Valdoviño, 11 de marzo do 2023.O Concello de Valdoviño conmemorou este sábado o Día Internacional da Muller. E fíxoo coa homenaxe a unha das mulleres fundamentais no movemento asociativo do municipio. Nun auditorio ben concorrido, Ana Bouza García recibía o recoñecemento institucional e o cariño de amigos e veciños e veciñas de Vilaboa, a súa parroquia, e do resto da localidade.

A concelleira de Cultura, Rosana García, foi a encargada de repasar a traxectoria vital da protagonista, nai de dous fillos, avoa de tres netos, e con máis de 30 anos de traballo a prol da dinamización da comunidade e do desenvolvemento sociocultural de Vilaboa. Nesta liña, poñía en valor o feito de que “Ana de Vilaboa”, como é coñecida popularmente, fora unha das artífices da creación do grupo de teatro feminino do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, e posteriormente, do cadro infantil.

Nese grupo participaba a concelleira Jéssica Sabín, sobriña da homenaxeada, que tomaba a palabra para subliñar os “moitísimos anos de traballo caladiño” de Ana Bouza García e destacar o moito que a xente máis nova de Vilaboa aprendeu a través des obras de teatro que ela mesma escribía. “Un traballo impagable”, concluía Sabín, que daba paso ao rexedor municipal.

O alcalde, Alberto González subliñaba a importancia das mulleres no movemento asociativo local, “un auténtico motivo de orgullo para Valdoviño” e insistía na “afouteza”, a forza e determinación que fan única á homenaxeada, á que definiu como “unha persoa con maiúsculas, das que deixa pegada”.

Cunha proxección de fondo das obras de teatro ideadas e das actividades organizadas, a Ana Bouza García agradecía o recoñecemento, lembraba con cariño aqueles anos de teatro coas mulleres e logo cos nenos e insistía en facer extensivo o recoñecemento. “Son moitas as mulleres que traballan nas asociacións que terías que estar aquí”, dicía. Con emoción, tras recordar os tempos de pandemia e perdas vividas en momentos recentes, concluía cun “sigo aí, traballando na directiva do Centro cultural Rosalía”.

A homenaxe finalizaba coa entrega dun agasallo conmemorativo e dun ramo de flores por parte do rexedor municipal e das concelleiras que interviñeron neste con motivo do Día Internacional da Muller, ao que seguiu o concerto de piano e voz de Cristian Leggiero e Paty Lesta, titulado «Con nome de muller».