Valdoviño reivindica un turismo inclusivo e sostible como motor do desenvolvemento e diversificación económica que precisa a comarca

O municipio celebrou o Día Mundial do Turismo no Océano Surf Museo, nunha xornada na que primou a palabra e o debate

Valdoviño, 27 de setembro de 2021. Valdoviño reivindicou esta tarde a necesidade de impulsar un turismo inclusivo e sostible, catalizador da diversificación económica e do crecemento pero que salvagarde a paisaxe e os extraordinarios recursos naturais que definen o noso territorio. E fíxoo a través da xornada organizada no Océano Surf Museo para celebrar o Día Mundial do Turismo. Nela, o alcalde, Alberto González, daba a palabra a Xan Rodríguez Silvar, delegado en Ferrol da Sociedade Galega de Historia Natural; Vicente Irisarri, cofundador do Pantín Classic; Elena Anca, profesora de Turismo, e Cristina Yudego, consultora na empresa local GoodLife.

Xan Rodríguez Silvar centraba a súa intervención en Galicia e na necesidade de conciliar a creación de infraestruturas coa conservación e protección dos espazos naturais, cunha planificación sostible, ordeada e a longo prazo. Pola súa banda, Vicente Irisarri, que inauguraba a súa ponencia cun recordo para Gusse Núñez, tamén cofundador do Pantín Classic, aseguraba que a comarca ten unha extraordinaria oportunidade de desenvolvemento a través do turismo. Estamos nun punto de non retorno no que Ferrolterra é e será destino surf. Abundou en que a campaña de promoción está feita -a través dos 33 anos de Pantín Classic ; das nosas olas, patrimonio azul de Galicia, e da hospitalidade das súas xentes-, polo que agora o que se precisa é unha boa planificación e regulación para non perder as nosas fortalezas e eliminar ou minimizar as ameazas da masificación. Establecer os límites ao crecemento determinando, no caso do surf, a capacidade de carga de cada praia. Unha das prioridades, subliñou, pasa pola protección legal dos areais, incluíndoos xunto ao surf, nos plans de ordenación do espazo marítimo español.

Nesta liña, Elena Anca asegurou que a pandemia da covid golpeou con forza ao sector turístico, pero que agora temos nel, precisamente, unha oportunidade de crecemento. Neste contexto, defendeu que os extraordinarios recursos cos que contamos deben ir acompañados dunha boa xestión que favoreza un crecemento sostible, respectuoso co medio natural, coa cultura, coas tradicións…

Pola súa banda, Cristina Yudego coincidiu tamén na oportunidade que nos brinda o turismo para favorecer o desenvolvemento económico da comarca, con dúas claves en mente: a participación de todos e a distribución xusta dos seus beneficios. Conseguir o equilibrio entre o aspecto medio ambiental, o económico e o sociocultural é, na súa opinión, o obxectivo irrenunciable.