Valdoviño reivindica o labor incansable de Mercedes Varela a prol do asociacionismo e da igualdade

O alcalde puxo á homenaxeada como exemplo das mulleres que, no día a día, “arrastran a súa contorna para crear unha sociedade mellor”

Valdoviño, 23 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño celebraba esta tarde no auditorio municipal o acto central da programación especial conmemorativa do Día da Muller. O alcalde, Alberto González, facía entrega do galardón de muller do ano a Mercedes Varela, figura destacada do movemento veciñal da localidade.

A concelleira de Servizos Sociais, Tamara Sabín, foi a encargada de abrir o acto incidindo no compromiso municipal por impulsar políticas transversais para avanzar na igualdade efectiva de oportunidades.

Tras ela, a concelleira de Cultura, Rosana García, poñía o foco na homenaxeada. E así, destacaba que Mercedes Varela “dedicou a súa vida profesional a loitar en pro da igualdade”, como mestra de infantil nun barrio con especiais dificultades e posteriormente con mulleres en risco de exclusión social, e subliñaba “a fonda pegada que deixou no tecido asociativo municipal e na sociedade”. Cómpre lembrar que foi presidenta da Asociación de Veciños de Vilarrube entre o 2002 e o 2011 e que, na actualidade, colabora no Centro de recursos solidarios de Narón.

Pola súa banda, o alcalde, Alberto González, definía Mercedes Varela como un “orgullo para Valdoviño” e un “exemplo desas mulleres que, no día a día, arrastran á súa contorna para construír unha sociedade mellor, e máis igualitaria”. O rexedor era o encargado de entregarlle o galardón, unha escultura de Martina Beceiro, autora con taller en Porto do Cabo.

Varela, que toma o relevo de Mercedes González e Ana María Bouza, galardoadas nos anos precedentes, agradeceu o recoñecemento municipal. Ademais, tivo palabras de gratitude para as compañeiras e compañeiros que a axudaron na súa etapa como presidenta da AVV, e asegurou que sigue “pelexando por unha vida libre de violencia de xénero, traballando porque as mulleres dispoñan dun emprego digno e dunha vivenda adecuada, e porque teñan autonomía persoal, con independencia da contorna na que vivan”.

Tras a entrega do galardón, o público asistente desfrutou da proxección de “Nómades”, unha webserie, creada por Noelia González e Sara Ferro, e dirixida por Marta Ínsua, que aborda temas como a mocidade, a amizade, a incerteza no futuro, a precariedade laboral ou inconformismo vital.