Valdoviño recupera o reloxo da casa consistorial grazas ao meticuloso traballo do mestre reloxeiro Fernando Riobó

Tras preto de 3 décadas parado, o reloxo atópase en fase de probas

Valdoviño, 24 de xuño de 2024. Tres décadas despois, o reloxo da casa consistorial de Valdoviño volveu marcar a hora. Unha auténtica fazaña obra do mestre reloxeiro Fernando Riobó, que dende hai mes e medio acode case que a diario para traballar na maquinaria. Unha xoia de 1969, adquirida polo Concello en Cataluña. Dise que lle custou 69.600 pesetas da época, e que para afrontar o pago a Administración local tivo que pagar un crédito durante 5-10 anos. Unha máquina híbrida BLASCO 2 dunha fábrica tarraconense, única en Galicia e das poucas que quedan en España.

A súa importancia era clave naquela época, tal e como subliña Fernando, que lembra que por aquel entón era a única forma de orientar as horas, xunto coas tradicionais campás. Había contados reloxos de man, tan só ao alcance daqueles máis pudientes, e os que lucían nalgunhas igrexas. Hoxe, cunha realidade ben diferente, o seu valor reside na súa historia, e forma parte do patrimonio cultural do municipio.

A súa recuperación debémoslla a Fernando Riobó, profesional con máis de 35 anos de experiencia, formado na casa Casio como reloxeiro e técnico en electrónica, e con negocio propio en Ultramar, reloxería que leva por nome o seu apelido. Tras veranear unha década en Valdoviño, fixa no municipio a súa residencia permanente tras a pandemia, e hai uns meses, coincidindo co seu empadronamento en Lago, decide plantearlle ao alcalde, Alberto González, poñer en marcha de novo o reloxo. E así foi. Comezou estudando a vida do reloxo, especialmente para atopar aquelas pezas que era preciso repoñer. E a partir de aí, cada día foi un análise de problemas, ideando inxeniosas solucións para cada un deles. Neste mes e medio, foi grabando o día a día do reloxo para controlar o seu ritmo e procurar axustes, e ata hoxe, xa co reloxo en fase de probas e continuando o análise concienzudo e o traballo meticuloso.