Valdoviño recupera este domingo a Andada Urbana para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Aberta a toda a veciñanza, partirá ás 17:30 da Casa da Cultura, con destino á contorna da Frouxeira, onde está previsto o concerto “As mulleres creadoras” a cargo de Silvia Penide e Carla López
Valdoviño, 24 de novembro do 2022. Tralo parón imposto pola covid, o Concello de Valdoviño convoca de novo a Andada Urbana para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Será a sétima edición dunha marcha reinvindicativa coa que a Administración local conmemorará o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Celebrarase este domingo, 27 de novembro, aberta á participación de todo o mundo.
A Casa da Cultura será o punto de partida para as persoas asistentes, que iniciarán ás 17:30 horas un percorrido ata a contorna da praia e lagoa da Frouxeira, no que se atopa o monolito adicado á Muller.
Sobre as 18:00 h, hora estimada de chegada, o Concello convidará ao público a asistir ao concerto «As mulleres creadoras» con Silvia Penide e Carla López. Un espectáculo co que reivindican á muller como creadora de arte. De cancións, de textos, de música… A música de artistas como Amaral, Ses, Guadi Galego, Patti Smith… na voz dunha das mellores cantantes galegas e unha gran pianista. Iso si, en caso de choiva, o recital celebraríase no auditorio da Casa da Cultura.