Valdoviño recupera a entrada á Frouxeira coa demolición do edificio ruinoso do Siroco

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde, Alberto González, supervisaron as obras do derribo e avanzaron que colaborarán nas obras de accesibilidade que se levarán a cabo na zona

Valdoviño, 2 de xuño de 2022. As obras de demolición do antigo bar Siroco arrancaban onte á tarde noite en Valdoviño. Así, o edificio ruinoso situado no acceso principal á praia da Frouxeira comezaba a desaparecer do horizonte do areal.

Tras uns primeiros días nos que a empresa contratada polo Concello realizaba tarefas de retirada de elementos de fachadas e cuberta, especialmente planchas de uralita que requeriron de equipos especiais de eliminación de amianto, onte á tarde unha pá de gran tonelaxe comezaba cunha demolición que se prevé remate entre hoxe e mañá venres.

Ata a zona, desprazábanse o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, para seguir de preto os traballos e abordar a colaboración entre ambas administracións nas tarefas de rexeneración do espazo que ocupaba o Siroco.

A intención do Concello será agora incorporar a parcela ao sistema xeral viario, aproveitándoa para mellorar a conexión peonil entre as dúas vías que conflúen neste punto, conectando así as beirarrúas de Aldea A Lagoa e da estrada da praia. Unha medida que permitirá optimizar a seguridade viaria na contorna do areal, cun intenso fluxo de vehículos durante o verán e, practicamente, todo o ano.

Formoso e González destacaron a importancia do derribo do edificio para eliminar o feísmo  e mellorar a estética do principal acceso a un dos areais máis visitados da comarca e anunciaron colaboración para acometer esa conexión peonil que conectará ambos viais.

UN LONGO PROCESO

A demolición do antigo bar Siroco é o último paso dun proceso que vén de lonxe. Hai 15 anos, cando a Demarcación de Costas procedía, no marco do proceso de recuperación e mellora da Frouxeira, ao derribo do restaurante situado xusto enfronte do Siroco. Co paso do tempo, o deterioro do Siroco foise acentuando, ata a súa degradación absoluta. A data clave foi agosto de 2021, cando o goberno local aproba inicialmente o expediente de expropiación urbanística. A continuación pasaba a fase de información pública e, tras a súa aprobación definitiva, o Concello facíase coa propiedade co pago de 17.604,73 euros, cifra resultante da valoración técnica.

A tramitación previa completábase coa redacción do proxecto de demolición e a licitación da actuación.