Valdoviño recupera a Baixada de Carrilanas a San Mamede, puntuable para a Copa de España e de Europa

A cita celebrarase do 12 ó 14 de agosto coa participación de 80 carrilanas e un dos percorridos máis espectaculares do calendario nacional

Valdoviño, 29 de xullo de 2022. Tras 2 anos de parón pola pandemia, Valdoviño recupera a súa espectacular Baixada de Carrilanas a San Mamede. Faino ademais cun aniversario moi especial, xa que a asociación que organiza a cita soprará o vindeiro mes 25 velas. Esta mañá, o alcalde, Alberto González, e Vicente Bouza, do comité organizador, presentaban o cartel oficial da cita e avanzaban o seu programa. Celebrarase do 12 ao 14 de agosto coa participación de 80 carrilanas, o máximo admitido, procedentes de toda España e incluso doutros puntos de Europa como Italia ou Bélxica. Non é de estranar, xa que a cita é puntuable para a Copa de España e para a Copa de Europa Speeddown, coa previsión para 2023 de converterse na proba elixida pola Federación Internacional de Deportes de Inercia da que saia o campión de Europa.

A Baixada contará de novo cun percorrido espectacular, no que os/as pilotos demostrarán a súa habilidade ao longo de 1.207 metros. A saída situarase no lugar do Graño e a meta en San Mamede. Un itinerario con bo asfalto, 3 curvas complicadas e zonas a diferentes niveis cun cambio de rasante a distinto nivel onde os vehículos poden voar máis de 6 metros, alcanzando velocidades espectaculares. De aí tamén o esixente plan de seguridade que rixe a competición, onde cada detalle está milimetricamente contemplado. 35 persoas traballan xa na organización, ampliándose a 50 nos días de celebración da baixada. Tamén Policía Local, Protección Civil e Garda Civil apoiarán o dispositivo de seguridade.

PROGRAMA

O programa da XXIV Baixada de Carrilanas arrancará o venres 12 de agosto coa apertura da zona de acampada. Ao día seguinte, sábado 13, a competición abrirase ás 14:00 coas verificacións técnicas e administrativas. Ás 16:30 h celebraranse os primeiros adestramentos oficiais e, xa ás 18:00 h, o público poderá seguir a saída da primeira baixada oficial. A competición retomarase o domingo 14 a partir das 12:00 horas coa baixada infantil -nenos e nenas de 6 a 13 anos- e correpasillos -de 1 a 5 anos-. Sobre as 16:30 h está prevista a segunda saída oficial da baixada e a partir das 18 h, a terceira. Ás 20 h, o concurso de saltos e, ás 21 h, a entrega de premios. Así mesmo, o programa inclúe tamén diferentes actividades gastronómicas e de lecer como unha cea carrilanera e un festival de karaoke o sábado e unha paellada popular o domingo.

25 ANIVERSARIO DA ASOCIACIÓN

A Baixada de Carrilanas a San Mamede nacía hai 26 anos a iniciativa da comisión de festas de Valdoviño. E facíao xa cunha moi boa acollida por parte da veciñanza. Unhas 40 carrilanas procedentes de diferentes puntos da comarca de Ferrol participaban nesa primeira cita que o público seguía con emoción, garantizando a súa continuidade. Ao seguinte ano decídese cambiar a data para non facela coincidir coas festas locais e márcase no calendario a segunda fin de semana de agosto. Nese ano constitúese a Asociación da Baixada de Carrilanas a San Mamede. O seu empeño, traballo e esforzo por facer medrar a cita leva á asociación a impulsar a fundación da Federación de Deportes de Inercia de ámbito nacional, e a súa creación deriva na organización do Campionato de Galicia e de España de carrilanas. Un bo facer o da asociación que ten levado o nome de Valdoviño por todo o territorio nacional e proxectado o noso municipio máis aló. Agora, tal e como avanzou o alcalde, a Asociación e Concello traballarán na declaración da Baixada como Festa de Interese Turístico de Galicia. Unha oportunidade para dar maior visibilidade á competición.