Valdoviño reclama a retirada definitiva do proxecto do Parque eólico Badulaque
O Concello presenta o seu documento de alegacións, ao que xa se poden adherir na Casa Consistorial os veciños e veciñas
O Concello de Valdoviño dispón xa do informe técnico coas alegacións que presentará ao proxecto do Parque eólico Badulaque. A xunta de portavoces daba onte o visto e prace ao documento, que asinarán o conxunto dos integrantes da Corporación Local e ao que se poderán adherir os veciños, coa súa sinatura na Casa Consistorial. O texto aporta preto dunha ducia de argumentos para reclamar o rexeitamento do Estudo de Impacto Ambiental e da solicitude de Autorización Administrativa do proxecto e reclamar a súa retirada definitiva “pola incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais e paisaxísticos presentes na área de afección do proxecto”.
Ao longo de 14 páxinas, o informe aporta ata 11 argumentos para soster a oposición ao proxecto do parque eólico presentado por Enel Green Power, que, como apunta o ”incumpre abertamente as disposicións do Plan Sectorial Eólico de Galicia sobre a incidencia ambiental, en particular, acerca da protección dos núcleos rurais”. Nesta liña, sostén o Concello que, en puntos de Vilaboa e Valdoviño, o proxecto non cumpre a distancia mínima de 500 metros esixida dende os aeroxeneradores ás liñas de delimitación de solo de núcleos rurais, urbano ou urbanizable sectorializado. E vai máis aló, indicando que “a poligonal do parque eólico inclúe, fora de toda lóxica, terreos coa clasificación de solo urbano”.
Denuncia documento de alegacións que o anteproxecto e o Estudo de Impacto ambiental do Parque eólico Badulaque omiten aspectos relevantes para poder avaliar o impacto da actuación sobre as propiedades particulares. “Non conta coa preceptiva relación dos bens e dereitos afectados, polo que se está xerando unha situación de indefensión aos veciños”, conclúe. E alude ademais ao impacto na paisaxe, a poboación e na fauna, e ao “demérito dos predios que queden gravados con servidumes de paso”, evitable, por exemplo, utilizando tendidos paralelos e camiños preexistentes.
As alegación municipais subliñan que “debe denunciarse a falta de avaliación da afectación para os acuíferos que abastecen ao embalse de As Forcadas, o cal abastece de auga potable a gran parte dos concellos que conforman a comarca de Ferrol. E na mesma liña, manifestan que non é obxecto no Estudio de Impacto Ambiental a afectación á ansiada declaración de Xeoparque de Cabo Ortegal.
O Concello de Valdoviño facilitará na Casa Consistorial aos veciños e veciñas que o desexen un modelo tipo para adherirse coa súa sinatura ao documento de alegacións municipal, que xa se pode consultar na web do Concello.