Valdoviño realiza o primeiro envío con axuda humanitaria para Ucraína

Protección Civil trasladou esta mañá o material, maioritariamente roupa e calzado e conservas, entregado polos veciños e veciñas do municipio

Valdoviño, 11 de marzo de 2022. Valdoviño realizaba hoxe o primeiro envío con axuda humanitaria para a poboación de Ucraína. Na súa maioría, as caixas trasladadas contiñan roupa de abrigo, calzado, mantas e unha morea de conservas e produtos de hixiene persoal. Procede todo el das doazóns realizadas pola veciñanza nos 2 puntos habilitados no municipio: o almacén anexo á Farmacia Romero Rico e o local social de Montefaro. E esta mañá, Protección Civil encargábase de trasladalo á Coruña para entregarllo á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína). 

Estes días a actividade nos 2 puntos foi a máis. Ata o punto de que os voluntarios e voluntarias de Protección Civil sumábanse ó operativo de recepción e clasificación do material no almacén do despacho farmacéutico que, ata ese momento, corría por conta da súa titular (de luns a venres de 10 a 14 h e martes e xoves de 17 a 20 h). En Montefaro, son as socias da Asociación de Mulleres do Rural María del Mar Becerra as encargadas de recepcionar as entregas (luns, martes e xoves de 16 a 18,30 h), que máis tarde recolle Protección Civil. 

A campaña manterase ata que sexa preciso, e a cidadanía pode continuar contribuíndo á mesma. 

As principais necesidades a cubrir: 

-Roupa térmica, tanto para neno/a como para persoas adultas

-Medicamentos

-Comida (sobre todo conservas, ante as dificultades da poboación para o acceso á auga ou lume no que cociñar)

-Celo e caixas para empaquetar

-Sacos de durmir, tendas de campaña, mantas

-Produtos de hixiene persoal