Valdoviño reabre as portas da súa Biblioteca

Tras anos de obras que deron lugar a unha remodelación integral do espazo e meses de catalogación dos fondos, as instalacións abren agora á cidadanía con zona de lectura e consulta, estudo e área infantil

Chegou o día. O vindeiro luns 21 de decembro, ás portas do Nadal, reabrirase a Biblioteca Municipal de Valdoviño. Farao tras un longo proceso de obras tanto estruturais como de mellora que deron lugar á remodelación integral do espazo. A estes traballos sumáronse os de catalogación de fondos, que obrigaron a ampliar o peche durante meses. E, o último paso, o investimento en equipamentos:  preto de 10.000 euros dos que 3.627,28 euros foron aportados vía subvención pola Secretaría Xeral de Cultura. A partir do luns, Valdoviño recupera non só un espazo de lectura e préstamo senón un centro que aspira a converterse nun auténtico dinamizador cultural.

O horario da Biblioteca será de 10 a 14 h de luns a venres. Iso si, a actual situación derivada da covid-19 obriga a implantar o servizo de cita previa (tanto para trámites, consultas, préstamos ou estudo en sala). Debe facerse chamando ao 981 48 76 66. Tralas vacacións de Nadal, o horario ampliarase tamén á tarde.

A Biblioteca gaña espazo respecto ás instalacións anteriores, xa que as oficinas trasladáronse á primeira planta da Casa da Cultura. Así, pon a disposición do público máis de 7.000 volumes nas súas estanterías. Conta tamén cunha ampla zona de estudo, pensada especialmente para o colectivo universitario, e recupera o espazo infantil. Neste último, o obxectivo é realizar as actividades de contacontos, teatro, monicreques, micro concertos… que programa habitualmente o Concello para os máis pequenos e pequenas da casa.

Ademais, a incorporación da Biblioteca á Rede de Bibliotecas de Galicia e o seu sistema de xestión permitirá aos socios e socias acceder ao catálogo de fondos de forma online e tamén tramitar os préstamos. Nesta liña, o Concello de Valdoviño apunta que a partir do luns os veciños e veciñas poden solicitar a súa condición de socio/a da Biblioteca. Para isto, é preciso descargar a ficha da web municipal ou recollela na propia Biblioteca, cubrila e entregala neste punto.

REMODELACIÓN

Ao longo dos últimos 4 anos, o Concello de Valdoviño levou a cabo as obras de reforma integral do interior da Casa da Cultura, reorganizando espazos e creando na primeira planta o Océano Surf Museo, o primeiro de España adicado ao surf en exclusiva. A esa primeira planta tamén se trasladaron as oficinas, liberando espazo na segunda planta, que ocupa hoxe en día na súa totalidade a Biblioteca Municipal. Ademais, mellorouse o illamento do edificio, moi deficiente ata ese momento. Un paso que tamén permitiu dotar dun sistema de calefacción eficiente ao interior. Outras obras complementarias realizadas foron a instalación de novas portas de emerxencia adaptadas á normativa, o cambio da cuberta lateral, o acondicionamento do aparcadoiro exterior, a incorporación dun sistema de son e vídeo para o auditorio, a adaptación dos aseos da primeira planta para o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida, a creación dun almacén ou o acondicionamento do soto.

Nos próximos días, instalarase un buzón no exterior para a devolución de libros en préstamo.