O Concello proxecta este xoves o filme “Rondallas” na praza da Casa da Cultura
A sesión de Cinema de noite arrancará ás 22:00 horas
Valdoviño, 18 de agosto do 2026. O Concello de Valdoviño programa este xoves, no marco da súa oferta cultural, unha noite de cinema. A praza da Casa da Cultura acolle a proxección dun dos éxitos recentes do cine español, un filme que arrasou nas salas galegas. Tratase de “Rondallas”, unha emotiva comedia, protagonizada por Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas.
A longametraxe, que se poderá desfrutar na praza da Casa da Cultura, a partir das 22:00 horas, chega á nosa localidade co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña. A cinta supuxo o regreso ao cine do director e guionista Daniel Sánchez Arévalo tras os éxitos de anteriores películas como “Azul oscuro casi negro”, “La gran familia española”, “Primos”, entre outras.
Trátase dunha comedia vitalista para todos os públicos, que conta como un pequeno pobo mariñeiro se xunta para recuperar a súa rondalla, tras dous años de loito polo tráxico naufraxio dun dos seus pesqueiros. O obxectivo é competir nun concurso contra outras localidade veciñas e, sobre todo, comezar a mirar de novo cara adiante con ilusión. O filme foi rodado integramente nas Rías Baixas.
