Valdoviño programa no Día da Muller a representación teatral de “As Alumnas”, baseada no texto de Paula Carballeira

Dirixida a un público adulto, a función dará comezo no auditorio ás 20:30 h, con entrada de balde e libre ata completar aforo

Valdoviño, 5 de marzo de 2024. O Concello de Valdoviño celebrará este venres 8 de marzo un dos actos centrais da programación «Somos e Contamos» con motivo do Día da Muller. Un convite para asistir á obra «As Alumnas», baseada no texto teatral da escritora Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática 2023. A cita está dirixida a un público adulto, e dará comezo ás 20:30 horas no auditorio da Casa da Cultura con entrada libre ata completar aforo.

A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra, que interpretan Anabel Gago e Mónica Caamaño baixo a dirección de Fina Calleja. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento. Coa figura da pegagoga galega María Barbeito sempre presente, «As Alumnas» busca facer un exercicio de reapropiación da realidade colectiva e individual, que se opoña ao relato hexemónico, para reconstruír a memoria e espazos imaxinarios da nosa comunidade.

Así mesmo, na mesma xornada do venres, a programación deseñada polas concellerías de Cultura e Servizos Sociais contempla tamén a publicación do manifesto institucional do 8M na web municipal e a iluminación da fachada da casa consistorial para dar visibilidade á conmemoración.