Valdoviño presenta un programa para o 25N no que recupera a Andaina reivindicativa contra a Violencia Machista

Baixo o lema “Somos e Contamos”, incluirá obradoiros en materia de saúde sexual, teatro e concerto reivindicativo e unha morea de propostas de formación e información para o alumnado do CPI Atios

Valdoviño, 3 de novembro do 2022. O Concello de Valdoviño conmemorará o Día da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha morea de actividades e propostas ao longo de todo o mes. Talleres de saúde sexual para mulleres adultas; formación e información no CPI Atios; teatro para derribar tabúes, e a Andaina reivindicativa que neste 2022, e tras dous anos marcados pola covid-19, Valdoviño recupera. Farao ademais incorporando ao programa da xornada unha acción moi especial, o concerto «As Mulleres Creadoras», de Feminino Plural.

A programación inaugúrase xa, mañá venres, co obradoiro “Encantada de coñecerme” na casa da cultura. Un taller estruturado en 2 sesións -a segunda o 11 de novembro- sobre atención en saúde sexual dirixido a mulleres adultas, con participación gratuíta previa inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais.

Así mesmo, o próximo luns, 7 de novembro, publicarase na web municipal o manifesto institucional, e as seguintes actividades do programa municipal terán ao alumnado do CPI Atios como principais destinatarios/as. Así, o xoves 10, a Xunta traerá a Valdoviño o Punto Violeta. Agresión OFF, un stand informativo con actividades dirixidas aos/as estudantes da ESO no que poderán achegarse a diferentes recursos para avanzar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero. Do 14 ao 30 de novembro, as instalacións do centro escolar acollerán a exposición “Cartas de Amor”, unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero, con obras de diversos/as artistas. Con ela, búscase sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala, e por tanto, a eliminala. O 17 de novembro, a casa da cultura será escenario da presentación das curtametraxes “Xénero educa. Historias para contar”, elaboradas polo alumnado da ESO do CPI Atios durante o pasado curso. Neste caso, as proxeccións tamén están dirixidas aos/as estudantes do centro, profesorado e familias.

O venres 25 de novembro, e para un público adulto, a casa da cultura acollerá ás 20:30 horas o espectáculo “Tabú”, de Tarabela Creativa. A obra, incluída na Rede Cultural da Deputación Provincial da Coruña, nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.

Así mesmo, o domingo 27 de novembro, Valdoviño recuperará a Andaina reivindicativa contra a violencia de xénero. Arrancará ás 17:30 horas da casa da cultura, en dirección á contorna da praia da Frouxeira. Alí, nas inmediacións do parque, celebrarase á súa chegada o concerto “As Mulleres Creadoras” de Feminino Plural -que integran Silvia Penide e Carla López-. Iso si, en caso de choiva, a actuación celebrarase na casa da cultura ás 18:00 horas.

E pechando a programación, o 2 de decembro, o Concello de Valdoviño levará a cabo unha formación en materia de igualdade para o monitorado que traballa en actividades de carácter social, educativo e cultural con infancia. A cargo de Aventeira, trátase dun proxecto subvencionado pola Deputación.

A maiores, o Concello de Valdoviño adherirase á campaña da institución provincial “De fronte á violencia” a través de diferentes actividades enfocadas á comunidade educativa.