Valdoviño presenta o seu plan de actuación municipal para a observación da eclipse

Cos seus 25 km de costa e 17 praias, será un dos municipios privilexiados o 12 de agosto para a observación da eclipse na súa totalidade

Valdoviño, 20 de xullo do 2026. O Concello de Valdoviño será un dos espazos privilexiados para a observación da eclipse solar na súa totalidade o vindeiro 12 de agosto. No 90% do territorio municipal poderase visualizar, e a franxa litoral e as súas praias converteranse posiblemente nos mellores lugares para vivir este fenómeno. Dado que Valdoviño conta con 25 km de costa e ata 17 areais, resulta problemático definir zonas específicas de observación ou de exclusión, polo que o Plan Municipal de Actuación céntrase en establecer unha serie de recomendacións, indicacións e mesmo prohibicións para tentar evitar riscos e desfrutar así da eclipse con seguridade.

Segundo explicaba esta mañá o alcalde, Alberto González, as liñas mestras do documento abordáronse na última Xunta Local de Seguridade, celebrada o 10 de xullo, e unha vez completo, deuse traslado a Xunta, Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e Subdelegación do Goberno na Coruña, solicitando á súa colaboración para facelo efectivo.

Entre outros puntos, establece que a cidadanía deberá observar a eclipse fóra da auga, xa que o baño nas praias queda prohibido salvo en zonas habilitadas expresamente polo servizo de salvamento. A previsión dunha afluencia masiva aos areais e a dificultade de control por parte dos e das socorristas impón a adopción desta medida.

Así mesmo, na xornada do 12 de agosto limitarase o acceso de vehículos, salvo aqueles de emerxencias ou autorizados, a determinados puntos como son:

-Accesos ás baterías de Campelo.

-Acceso ao faro de Punta Frouxeira desde o acceso á praia de Mourillá

-Estrada da Costa entre A Ladeira (Valdoviño) e Marnela (Pantín)

-Estrada da Costa entre O Baleo e A Veiga (Pantín)

-Camiños e sendeiros aos espazos costeiros, e especialmente, Punta Frouxeira, Porto Carrizo, O Baleo e Punta Chirlateira

Respecto ao tránsito peonil, queda prohibido achegarse ás zonas de cantil, podendo utilizar accesos existentes pero nunca abandonalos excepto en zonas autorizadas de forma expresa. Tamén queda prohibido achegarse ás antigas construcións militares de Campelo e ás emprazadas baixo o Faro de Punta Frouxeira.

No plan, lémbrase á cidadanía a prohibición de estacionar fóra das áreas habilitadas, e moito menos nas beiras das estradas cando carecen de espazo delimitado para o aparcamento. Tamén se recorda a prohibición de pernocta nos estacionamentos. De igual xeito, aqueles vehículos de grandes dimensiones como autobuses, autocaravanas, furgonetas ou similares deberán aparcar nas proximidades das estradas autonómicas AC566 e AC116, evitando así alteracións significativas dos aforos dos aparcadoiros.

En todo caso, o documento apunta aos servizos de transporte público como unha alternativa boa para desplazarse a Valdoviño nesa xornada, e repasa as liñas activas nestes meses de verán.

O plan apunta que nas zonas de obras que afecten a un espazo amplo do territorio -como as obras de repotenciación do parque eólico Novo- serán os promotores os responsables da seguridade nestes ámbitos os que deberán coordinar as actuacións necesarias co Concello.

En relación ás actuacións ou actividades de carácter privado a realizar en establecementos de hostalería, os negocios deberán realizar a comunicación fronte ao Concello cunha antelación de 15 días, indicando a zona de estacionamento que será obxecto de regulación por parte do promotor.