Valdoviño presenta o seu calendario 2026
A veciñanza volve ilustrar o almanaque municipal, que estará a disposición da cidadanía na casa da cultura e casa consistorial a partir deste luns
Valdoviño, 19 de decembro do 2025. O Concello de Valdoviño presentaba esta tarde-noite o calendario municipal de 2026 nun acto que marcaba o inicio da programación cultural de Nadal na localidade. Un ano máis, os veciños e veciñas ilustran coas súas imaxes o almanaque, do que se editarán uns 3.000 exemplares, e que a Concellería de Cultura porá a disposición da cidadanía a partir do luns na casa consistorial e máis na propia casa da cultura. Como é habitual, tamén se distribuirán entre o movemento asociativo, que fará o reparto entre os seus asociados e asociadas.
O grupo Gramola Yé-Yé poñía a banda sonora ao acto con temas dos 60 e 70 que o público non dubidou en corear. Dende Karina ata Los Diablos pasando por Massiel ou El Dúo Dinámico. E os autores e autoras das imaxes seleccionadas no concurso público aberto por Cultura foron pasando un a un polo escenario do auditorio para retratarse coa súa obra e recoller un detalle en agradecemento pola súa participación – produtos locais, entre outros, as conservas valdoviñesas “Ay Carmen!”-.
O alcalde, Alberto González, e a concelleira de Cultura, Tamara Sabín, coincidían á hora de reivindicar o valor do calendario como ferramenta de promoción turística, e destacaban a calidade das imaxes seleccionadas, que este ano asinan Carlos Ferreira, Javier Moral Martínez, Carmen Guerrero Maceiras, Manuel Rodríguez Caneiro, José María Goiriz Díaz, María Aneiros Loureiro, Noelia Camoira Villamor, Abel Lopez Vigo, Paula Dorrego García, Paula Fernández Dopazo, Jose Luis García Mendoza, Patricia Fernández García, María Isabel Brage Fernández, Miguel Ángel Gómez Vellón, Beatriz Leira Franco e Silvia Fernandez Rodríguez.
