Valdoviño presenta a XXVI Baixada de Carrilanas a San Mamede, puntuable para a Copa de España e para a Copa de Europa
Preto de medio centenar de pilotos procedentes de toda España e países como Bélxica, Suiza, Italia e Portugal tomarán parte na cita
Valdoviño, 3 de agosto do 2024. Medio centenar de pilotos procedentes de toda España e tamén doutros países como Bélxica, Suiza, Italia ou Portugal tomarán parte este ano na Baixada de Carrilanas a San Mamede. A cita, a máis veterana na nosa Comunidade e unha das máis importantes do calendario nacional, alcanzará a súa XXVI edición, e volverá ser puntuable para a Copa de España e a Copa de Europa. Representantes da organización, integrada por medio centenar de persoas, presentaban esta semana o cartel da Baixada xunto ao alcalde, Alberto González, e o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra, e convidaban á cidadanía a secundar un ano máis a cita, que terá lugar do 9 ao 11 de agosto, a próxima fin de semana.
O programa da Baixada sigue fiel ao guion doutros anos, e contará de novo cun percorrido espectacular, no que os pilotos poderán lucirse e amosar a súa habilidade ao longo de 1.207 metros, con saída no Graño e meta en San Mamede. Haberá 3 premios para as carrilanas máis humorísticas, e trofeos para os 3 primeiros clasificados, ademais do premio ao mellor salto. En todas as quinielas da categoría absoluta figura Christian Marugán, vixente campión de España, que regresará a Valdoviño coa intención de gañar unha vez máis a proba local, tras seis trunfos na mesma.
A cita arrancará o venres 9 de agosto ás 12:00 horas, coa apertura da zona de acampada gratuita. O sábado 10, de 14:00 a 16:00 horas terán lugar as verificacións técnicas e administrativas, co remonte de participantes á liña de saída sobre ás 16:00 h. Media hora despois, comezarán os adestramentos oficiais, e ás 18:00 horas, producirase a saída da 1ª Baixada Oficial. O programa do día pecharase coa tradicional cea carrilaneira ás 20:00 h, e o mítico festival de karaoke ás 22:00 h.
O domingo 11 celebrarase ás 12:00 h a Baixada Infantil (nenos/as de 6 a 13 anos) e Correpasillos (de 1 a 5 anos), e unha hora máis tarde, arrancará a sesión vermú previa á paellada de marisco, con prezos populares. Ás 15:30 h iniciarase o remonte dos participantes á liña de saída, e ás 16:30 h, terá lugar a saída da 2ª Baixada Oficial, e ás 18:00 h, a 3ª. Sobre as 20:00 h, disputarase o Concurso de Saltos, para ás 21:00 h, celebrar o acto de entrega de trofeos.
O director de carreira, Diego Barcia, marcábase por riba de todo a seguridade como obxectivo número 1, e aínda que aseguraba que o risco cero non existe, a organización concentra todos os seus esforzos para achegarse a el, destacando o amplo dispositivo desplegado, e agradecendo a colaboración das forzas e corpos de seguridade, así como dos membros de Protección Civil da comarca.