Valdoviño prepárase para dar un paso de xigante na dixitalización e xestión sostible do ciclo da auga

O Concello presenta o proxecto, cun investimento de 400.000 euros, á liña de subvencións do PERTE do Ministerio para a Transición Ecolóxica

Valdoviño, 24 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño proponse dar un paso decisivo cara a modernización e eficiencia do sistema hídrico municipal cun proxecto de dixitalización e xestión avanzada da auga, que suporá un investimento de aproximadamente 400.000 euros. Así, a Administración local presentaba o seu ambicioso proxecto á liña de subvencións do PERTE do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Un dos piares desta transformación é o desenvolvemento dunha plataforma dixital para a monitorización e xestión do ciclo da auga, cuxa tecnoloxía revolucionará o control do abastecemento, saneamento e depuración, optimizando o uso dos recursos hídricos. Para mellorar a planificación e detección de incidencias, levará a cabo unha modelización cartográfica e numérica das redes de abastecemento e saneamento. E instalaranse en captación, depósito do Graño e ETAP, medidores en tempo real dos principais parámetros a controlar (cloro, pH e turbidez).  En caso de detectar algunha incidencia paralizaríase de inmediato a entrada de auga nas instalacións e emitiranse alertas aos dispositivos móbiles dos operarios.

Tamén se implementarán unha serie de documentos sectoriais relacionados co ciclo da auga como son: Plan de Emerxencia ante Situacións de Seca, Plan integral de xestión do sistema de saneamento, Estudo para o diagnóstico do control e xestión das fugas estruturais e o Plan municipal de protección civil fronte a situacións de inundacións e revisións meteorolóxicas. A todo iso engádese unha auditoría enerxética co obxectivo de introducir unha serie de melloras nas instalacións que permitan optimizar o funcionamento destas.

Con todas estas medidas, Valdoviño consolidarase como un referente na xestión dixitalizada e sostible da auga, garantindo un servizo de máxima calidade para os seus veciños e veciñas e apostando por un futuro máis eficiente e resiliente.