Valdoviño pon en valor o “Bosque dos campións e campioas do Pantín Classic”
Estrea un panel co listado de gañadores e gañadoras que colaboraron plantando a súa árbore na contorna do areal
Valdoviño, 28 de agosto do 2025. Contribuír a que a contorna da praia de Pantín sexa, pouco a pouco, aínda máis verde. Ese é un dos obxectivo do “Bosque dos campións e campioas do Pantín Classic”, unha iniciativa posta en marcha no 2019 polo Concello de Valdoviño e máis pola organización do certame, que funde a homenaxe aos surfistas gañadores e gañadoras de cada edición co compromiso ambiental. As primeiras árbores medran xa inmediacións da caseta de socorrismo do areal.
Aproveitando a celebración do 38 Abanca Pantín Classic Galicia Pro, a administración local dotaba a esa zona de paso dun panel informativo sobre a orixe e propósito deste proxecto con vocación de futuro, que busca que a competición teña un impacto duradeiro na mellora do medio. E así cada gañador e gañadora ten a oportunidade de plantar unha árbore nesta área, deixando deste modo un recordo permanente do seu paso polo certame.
O alcalde, Alberto González, a concelleira de Cultura e Turismo, Rosana García, e o edil de Infraestruturas viarias, Germán Gómez, supervisaban, xunto ao Yago Barreto, director do veterano evento surf, o panel explicativo, no que figuran xa unha ducia de nomes. Unha lista a que o próximo domingo se sumarán os dos vencedores desta 38 edición, marcada polo incrible tamaño das ondas.
