Valdoviño pide descontos adicionais no transporte para os mozos que se vén obrigados a trasladarse a outras localidades pola falla dun instituto propio
O alcalde, Alberto González, formulou tamén melloras nas liñas na reunión da comisión de seguemento do Plan de Transporte Metropolitano
Valdoviño, 22 de novembro do 2024. Valdoviño demanda melloras nas liñas de transporte aos institutos para os estudantes que se vén obrigados a desprazarse a outras localidades pola carencia dun centro propio, reiteradamente demandado á Consellería de Educación. E tamén que se evite a discriminación dos mozos e mozas de Valdoviño respecto ás bonificacións establecidas na Tarxeta Nova, xa que con elas deben cubrir os gastos derivados dos traxectos aos centros educativos en lugar doutros desprazamentos por ocio como si poden facer os rapaces e rapazas de concellos limítrofes. Así, o lóxico sería compensar este agravio con bonificacións adicionais. Estas foron dúas das peticións que o alcalde, Alberto González, puxo onte sobre a mesa na comisión de seguemento do Plan de Transporte Metropolitano, integrada pola Xunta e os 11 concellos da zona. Unha comisión que levaba anos sen convocarse e que a partir de agora, a petición das administracións locais, se reunirá cada seis meses.
Na xuntanza de onte, celebrada en Ferrol, abordouse prorrogar o Plan de Transporte Metropolitano, que financian a Xunta, destinando o 66% dos fondos, e os concellos, aportando o 44% restante. En suma, máis de 1,3 millóns de euros anuais. O acordo permite financiar descontos do 80% nos billetes interurbanos e do 100% nos transbordos, así como bonificacións adicionais para usuarios recurrentes e integrantes de familias numerosas.