Valdoviño participa nas xornadas “Surf, economía azul e sostenibilidade turística” que impulsa a Red de Pueblos del Surf

A iniciativa celébrase estes días en Cantabria co obxectivo de compartir experiencias e traspasar coñecementos entre os diferentes territorios

Valdoviño, 28 de marzo do 2025. O alcalde de Valdoviño, Alberto González, participa en Cantabria nas xornadas «Surf, economía azul e sostenibilidade turística» organizado pola Red de Pueblos del Surf da que forma parte o noso concello xunto ao de Ferrol e de Carballo, en Galicia, e as localidades de Ribamontán al Mar (Cantabria), Getxo (Euskadi) e Castrillón (Asturias), ademais da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que lidera a iniciativa.

Dende onte, e ata hoxe, o Centro de Surf de Somo é escenario das xornadas, que contemplan actividades de sensibilización ambiental con escolares, talleres de surf adaptado para mulleres con cancro de mama ou unha mesa redonda entre municipios da rede para mellorar o uso sostible do litoral. Ademais, o programa tamén inclúe o II Encontro de Boas Prácticas con voces expertas na xestión de costas, e do que participa o alcalde valdoviñés como ponente e en representación da Mancomunidade, e un debate sobre retos e oportunidades para empresas vencelladas ao sector do surf.

O obxectivo destas xornadas é compartir experiencias e, sobre todo, traspasar coñecementos entre os territorios que as integran, favorecendo un desenvolvemento sostible e común do territorio co surf como referente.