Valdoviño organiza este sábado unha nova edición do seu Torneo de Fútbol Feminino
A cita deportiva, organizada polo Concello, arrincará ás 11 horas
Valdoviño, 21 de agosto do 2023.Todo listo para a nova edición do Torneo de fútbol feminino do Concello de Valdoviño. A competición desenvolverase en paralelo ao Triangular masculino, programado para o sábado 26 de agosto, e o escenario de xogo elixido será neste caso o campo municipal de Mourente.
No 2023, a cita contará cun único encontro no que o equipo da Escola de fútbol Base Amistade, pertencente á Primeira división galega feminina, medirase co coruñés Orillamar S.D., que debutou esta última tempada na Segunda División Galega, na modalidade de fútbol 11. O partido disputarase ás 11 horas.
Desde o Concello, organizador do torneo, anímase a veciños e visitantes do municipio a acudir ao campo municipal e gozar do espectáculo do fútbol feminino, que experimentou un enorme crecemento na última década. O público afeccionado ao deporte rei poderá desfrutar a tarde do sábado, a partir das 17 horas, do XXXI Triangular Concello de Valdoviño no Campo Misael Prieto.