Valdoviño, na Carreira que nunca para de Asotrame

O Concello colabora na iniciativa, que aúna deporte e solidariedade

Practicar sendeirismo pola extraordinaria contorna da praia e lagoa da Frouxeira pode ser un xesto solidario non só coa nosa saúde, senón tamén coas persoas afectadas de cáncer hematolóxico e das súas familias. ASOTRAME -Asociación Galega de Afectados de Transplantes Medulares- pon en marcha a iniciativa “A carreira que nunca para: Quilómetros de vida pola investigación”. Unha serie de carreiras por diferentes vilas de toda Galicia, entre elas Valdoviño, con inscrición online (https://cutt.ly/LbqATha), aportación de 3 euros, e que a cidadanía pode realizar en calquer momento.

O Concello de Valdoviño colabora coa iniciativa, que permitirá recadar fondos para o proxecto ADIANTHE do grupo de oncohematoloxía do Servizo de Hematoloxía do CHUS. En concreto, para avanzar na liña de investigación “Aplicación e Desenvolvemento de Intelixencia Artificial en Tumores Hematolóxicos”. Así mesmo, a asociación tamén quere sensibilizar e difundir a importancia da doazón de médula ósea, á vez que fomentamos hábitos saudables, apostando por unha vida sa e instaurando nos máis pequenos valores como a superación e o esforzo.

A carreira estenderase ata o 31 de decembro, e dende o Concello, e tras completar a ruta, a concelleira de Servizos Sociais, Ana Belén Pérez, animaba a veciños e visitantes a sumarse á mesma.

Máis sobre o proxecto co que colaboras a través da carreira

Na actualidade existe un crecente número de estratexias de tratamento para os pacientes oncohematolóxicos, pero por desgraza non existe a suficiente estratexia para optimizar o uso destas terapias na vida real. A aplicación de tecnoloxías de intelixencia artificial á información molecular e clínica dos pacientes permite extraer prediccións sobre cales son as mellores estratexias para cada novo paciente en base á experiencia acumulada na práctica clínica pasada. Neste proxecto utilizaranse datos recollidos en historias clínicas electrónicas e variables derivadas do análise xenómico dos tumores hematolóxicos para crear modelos personalizados de supervivencia e de predicción de resposta aos diferentes tratamentos usados na vida real. Os resultados permitirán optimizar o uso das terapias de forma personalizada de tal forma que se poida seleccionar o tratamento idóneo para que cada paciente viva máis tempo e/ou alcance maiores posibilidades de curarse da súa neoplasia.

Os ingresos de cada ruta suporán unha partida orzamentaria que financiará cada unha das partes que compoñen o proxecto:

-Adquisición de equipos e reactivos necesarios para análises moleculares.

-Contratación de persoal técnico necesario.

-Custes de tramitación de proxectos.

-Mantenemento do biobanco de mostras hematolóxicas.

-Análise de datos e custes de publicación de traballos.

-Difusión dos resultados.

-Formación de persoal en tecnoloxías clave.