“Valdoviño Mar. Futuro a toda costa” amosa aos escolares a riqueza paisaxística do litoral e o labor do marisqueo a pé e en embarcación

Trátase dunha iniciativa de visibilización da actividade marisqueira e de sensibilización medioambiental sobre a contorna costeira

No marco do proxecto municipal «Valdoviño Mar. Futuro a toda costa», o Concello vén de iniciar un ciclo de sesións de sensibilización co alumnado de Secundaria do CPI Atios. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, explica que o obxectivo é poñer en valor o litoral do municipio e as actividades extractivas asociadas a estes espazos. Para iso, os escolares traballarán sobre os elementos da paisaxe, as especies e os colectivos que desenvolven o seu labor no marisqueo no municipio, en Meirás e Vilarrube.

Coñecementos adquiridos na aula e contrastados no territorio, da man das mariscadoras de Vilarrube.

Despois do traballo realizado na aula cos 32 escolares de 4º da ESO a semana pasada, os obradoiros de sensibilización e as saídas de campo continuarán ao longo destes días. Concretamente, desenvolverase un obradoiro con 50 alumnos e alumnas de 3º da ESO, que traballarán na aula aspectos ligados á biodiversidade, a configuración, protección e usos da paisaxe costeira e os oficios asociados á extracción de produtos do mar.

Ademais, realizaranse varias dinámicas, nas que traballarán con mapas a identificación de paisaxes naturais e humanizadas e os seus usos. Tamén poñerán en práctica a súa memoria visual e a asimilación de conceptos, cun xogo sobre a identificación de especies, volume de capturas permitidas e exercicios de argumentación ou coñecemento do litoral de Valdoviño.

Ademais do traballo en aula, o alumnado realizará varias visitas ao territorio os días 27 e 28 de maio, nas que poderá coñecer de primeira man, coa guía das mariscadoras a pé na praia de Vilarrube, os sistemas artesanais de extracción de bivalvos (sacho, fouciño, anciño, etc.), percibindo os formas, cores e texturas das cunchas da coquina, ameixa fina, ostra rizada, berberecho ou longueirón vello, e aprendendo a diferenciar entre especies similares.

Tanto nas sesións de aula como nas saídas ao litoral, o alumnado coñecerá aspectos ligados aos recursos patrimoniais relativos ao Xeoparque Cabo Ortegal, proxecto supralocal que se presentaba estes días en FITUR por parte dos concellos que integran esta iniciativa de desenvolvemento. No caso de Valdoviño, os elementos do Xeoparque están situados nas parroquias litorais de Lago, Meirás, Pantín, Valdoviño, Vilarrube.

VALDOVIÑO MAR

“Valdoviño Mar” está financiado co Fondo Europeo e Marítimo de Pesca, a través do GALP A Mariña Ortegal, ascendendo o importe total da axuda a 140.662,50 euros, e comezou as súas primeiras actividades a finais de 2020, co deseño da imaxe do proxecto, a elaboración dun banco de fotografías para a súa difusión e a xeración de contido, para a elaboración de diversos paneis didácticos. Nestes paneis estarán reflexados tanto os contidos sobre o colectivo de mariscadoras e percebeiros, os aparellos e técnicas que utilizan e as especies que extraen, como a contorna litoral do concello, concretamente os espazos naturais, a flora e a fauna.

As persoas que os visiten poderán acceder, a través de códigos QR, a audios e testemuñas dos propios colectivos locais.

As accións do proxecto  “Valdoviño Mar”, que finalizarán en 2022, incorporan tamén o asesoramento ao sector do marisqueo no desenvolvemento de novos proxectos de emprendemento, como poden ser canles de venda e transformación do produto ou a busca de liñas de financiamento para liñas de negocio e adquisición de equipamentos.