Valdoviño licita por 611.000 euros a construción da escola infantil que ampliará a actual oferta de prazas do PAI

Ata o 17 de setembro está aberto o prazo para que as empresas interesadas no contrato presenten as súas ofertas

Valdoviño, 23 de agosto de 2024. O Concello de Valdoviño vén de sacar a contratación as obras de construción da escola infantil que permitirá ampliar a oferta de prazas do actual Punto de Atención á Infancia (PAI). Cun orzamento que supera os 600.000 euros, a nova infraestrutura socioeducativa, que se situará en terreos municipais anexos ao do CPI Atios, posibilitará facer fronte á demanda existente de máis servizos de conciliación por parte das familias valdoviñesas con menores de O a 3 anos.

Cumprindo o compromiso avanzado de licitar o proxecto antes de finalizar o terceiro trimestre do ano, a administración local acaba de sacar a concurso as obras do inmoble, que contará con algo máis de 320 metros cadrados construídos nun único andar, repartidos en tres aulas, zona de comedor e usos múltiples e espazo para a administración e servizos.

O importe total do proxecto é de 611.313 euros. Estará parcialmente financiado con fondos da Unión Europea, asociados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e o Concello busca o apoio da Deputación para minimizar a aportación municipal. As empresas interesadas en facerse co contrato poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 17 de setembro. Segundo os pregos de contratación, o prazo de execución dos traballos será de sete meses.

A posta en marcha da primeira escola infantil de Valdoviño permitirá dar resposta á necesidade de máis servizos para que as familias poidan conciliar as responsabilidades laborais co axeitado coidado dos menores. As 20 prazas ofertadas na actualidade na Aula da Natureza-Punto de Atención á Infancia non abondan para atender a demanda xerada nos últimos anos. O novo equipamento educativo, cun total de 41 prazas, contribuirá ademais a reforzar o atractivo de Valdoviño como lugar de residencia para as familias máis novas con fillos/as pequenos.