Valdoviño iniciará xullo co servizo de socorrismo e salvamento nas praias da Frouxeira, Pantín, O Río, Baleo e Vilarrube

O Concello logrou contratar 16 socorristas e prevé a incorporación inmediata doutros 4 tras concluír novas probas de selección

Valdoviño, 28 de xuño de 2024. A partir do próximo luns, e coincidindo co inicio de xullo, o Concello de Valdoviño reactiva o servizo de socorrismo e salvamento nas praias. Este ano, cunha mellor perspectiva en canto a persoal, aínda que sen alcanzar o nivel de contratación desexado pola Administración local. Así, o servizo arrancará con 16 socorristas e a previsión dunha incorporación inmediata doutros 4 -unha vez que se realicen as probas físicas requeridas, fixadas para a vindeira semana-. Unha plantilla que permitirá dar cobertura ás praias da Frouxeira, Pantín, O Río, Baleo e Vilarrube en horario de 12:00 a 20:00 horas.

En todo caso, o Concello continuará cos procesos de selección abertos, tanto a través dos Servizos Públicos de Emprego, como establece a Xunta nos requisitos de concesión das subvencións neste ámbito, como a través da contratación directa por parte da Administración local.