Valdoviño inicia o ano cos novos orzamentos
O Boletín Oficial da Provincia publica a aprobación definitiva das contas para o 2021
Aprobado inicialmente na sesión extraordinaria do pleno celebrado o 24 de novembro de 2020, e despois de someterse a exposición pública sen que se presentasen alegacións, o orzamento do Concello de Valdoviño para 2021 queda aprobado definitivamente. Así se publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
O Concello inicia así o ano cos novos orzamentos, nos que se equiparan gastos e ingresos ata os 6.273.257,10 euros. Nesta liña, o alcalde, Alberto González, destacou o carácter social das contas, nas que practicamente 3 de cada 10 euros teñen un mesmo destino: gasto social. O obxectivo é manter a atención ás persoas, especialmente nestes momentos de incertidume económica a raíz da covid-19, e de aí o aumento das partidas neste capítulo, que alcanzan os 1,4 millóns de euros. Destacan os preto de 850.000 euros que se destinarán ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar (un 10% más), coa previsión de ampliar o investimento nos próximos meses ata os 910.000 euros (cifra que recollen os novos pregos do futuro contrato). Así mesmo, a estas partidas súmanse as destinadas a programas de emerxencia social e conciliación (como os almorzos no cole).
Os orzamentos tamén recollen as previsións de investimentos en materia de obras -os plans provinciais- e destacan novas actuacións como as primeiras fases da nova zona deportiva en Atios ou o saneamento en Montefaro. En liñas xerais, ingresos e gastos elévanse respecto ás contas en vigor, as de 2019, aprobadas en pleno en novembro dese ano. Unhas contas que ían servir de base para a elaboración do orzamento do 2020, pero que quedou paralizado por mor da crise xerada pola covid-19. O goberno municipal quixo mudar a situación e presentar unhas contas coas que afrontar o novo exercicio e profundizar na protección social derivada da nova situación. En todo caso, o incremento dos ingresos xustifícase principalmente en dúas razóns: o aumento da recadación por tributos que vén derivada das novas altas en servizos como a recollida do lixo e aos novos veciños e veciñas empadroados.