Valdoviño inaugura este venres o programa do Día das Bibliotecas cun espectáculo musical da banda Minguante ao redor da literatura galega

Dirixido a todos os públicos, a actuación terá lugar na Biblioteca Municipal a partir das 20:30 horas e con entrada de balde

Valdoviño, 18 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño inaugura este venres a programación do Día das Bibliotecas cun espectáculo a cargo da banda Minguante ao redor da literatura galega. A Biblioteca Municipal será o seu escenario a partir das 20:30 horas, e a entrada é de balde sen inscrición previa. Óscar Martínez e Miguel Alonso integran Minguante, e a través da música, achegarán ao público a autores e autoras galegas actuais e clásicos, cun repertorio no que non faltarán cancións míticas do cancioneiro galego baseadas na poesía. 

Así mesmo, ao día seguinte, sábado 22, ás 11,30 h, a Biblioteca acollerá o obradoiro creativo «Debuxar letras» con Alba Farto. Para nenos e nenas a partir de 8 anos, neste caso é preciso inscribirse previamente na Casa da Cultura -ata o venres 21 ou completar prazas-. Nel, as persoas participantes poderán aprender técnicas e estilos para o arte de debuxar letras a man de forma creativa, experimentando coas tintas e realizando deseños propios. 

A programación continuará o domingo 23 coa obra de teatro «A viaxe de Mina» de Maio Creacións Artísticas. Con entrada de balde, dará comezo ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura. Unha obra sobre igualdade, respeto e tolerancia como vías para fomentar unha educación igualitaria que elimine ideas preconcebidas e prexuízos de carácter sexista. 

Ademais, o xoves 27 retomarase o Foro Literario. Guiado por Antón Cortizas, contará na primeira sesión coa escritora e tradutora Ana Varela. A participación está limitada a persoas inscritas no programa. 

E, como broche de ouro á programación, o 30 de outubro a compañía Pedras de Cartón traerá a Valdoviño a súa obra «Quixote». Con entrada de balde, dará comezo ás 18:00 horas no auditorio. A compañía afronta o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia. Cunha estética inspirada no pallaso clásico (moi ao estilo Fellini) e en clave de clown, abordan as escenas máis icónicas da novela, da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho. 

A programación conta co apoio do programa Ler Conta Moito.