Valdoviño inaugura este venres a programación cultural de maio con fotografía de surf e teatro sobre a obra de Castelao

O fotógrafo José Ángel Niño, coñecido como ANIKUNI, presentará no Océano Surf Museo a súa exposición “Xinetes do mar”, e a compañía Artefeito representará no auditorio “Retrincos de Castelao”

Valdoviño, 6 de maio do 2025. O Concello de Valdoviño estrea este venres a programación cultural do mes de maio con doble cita. Ás 19:00 horas na sala de exposicións temporais da casa da cultura, o artista José Ángel Niño, coñecido no mundo da fotografía de surf como ANIKUNI, inaugura a mostra «Xinetes do mar». E ás 20:30 h, no auditorio municipal, a compañía Artefeito representará a súa obra «Retrincos de Castelao», unha aproximación ao humor na obra do inmortal autor de Rianxo, figura fundamental da historia de Galicia. A entrada é de balde.

A expo de José Ángel Niño chega a Valdoviño da man do Océano Surf Museo. Trátase dunha mostra de 40 fotografías e un vídeo monográfico no que se inmortalizan uns instantes da vida, un xiro nas ondas duns homes e mulleres que aman a auga salgada e as súas rompentes. Xunto á súa obra, o Océano Surf Museo abre o seu almacén para poñer en valor e aproximar á comunidade dúas pezas senlleiras que nos levarán ata Hawaii e Australia, sublimando a cultura oceánica e o poder de comunicación dos mares e océanos que nos unen. Tras o acto de inauguración, a exposición poderá visitarse de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas, e venres, sábado e domingo, tamén polas tardes de 18:00 a 20:00 horas.

Así mesmo, en “Retrincos de Castelao”, Artefeito propón un divertido percorrido polo traballo de Castelao, achegándonos á súa inxeniosa e fascinante forma de ver a Galicia do seu tempo. Sobre o escenario, Isabel Risco e Fran Rei que, baixo a dirección de Diego Rey, ofrecerán ao público o mosaico dunha realidade galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces. A través dun ollo de cristal que dá nova forma ao que vemos, poderemos ser quen de presenciar a vida dos homes e das mulleres que habitaron esta terra, e tamén, comprender realmente a nosa historia e o noso presente.