Valdoviño homenaxeará a Mercedes Varela Díaz polo Día da Muller

O acto desenvolverase no Auditorio da Casa da Cultura o domingo 23 de marzo 

Valdoviño, 7 de marzo do 2025. O Concello de Valdoviño homenaxeará o próximo 23 de marzo á Mercedes Varela Díaz. O evento central da programación do Día Internacional da Muller recoñecerá a traxectoria vital dunha veciña que, durante décadas, estivo vencellada ao mundo do asociacionismo local. Será nun acto aberto á cidadanía no auditorio da Casa da Cultura, que arrincará ás 18 horas.

A homenaxeada desenvolveu a súa vida profesional no campo da educación, sendo primeiro mestra de nenos e nenas e, posteriormente, de persoas adultas, sobre todo de colectivos especialmente vulnerables. Ademais, ten sido peza clave no desenvolvemento do movemento veciñal en Vilarrube.

Así, Varela Díaz presidiu durante anos a asociación de veciños desta parroquia, poñendo en marcha numerosas iniciativas, favorecendo a dinamización  sociocultural da parroquia e contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos seus residentes. Un traballo a prol dos demais que o Concello quere pór en valor e galardoar.

O acto central do Día da Muller completarase coa proxección da webserie “Nómades”, dirixida por Marta Ínsua e producida por Mala Herba Producións. Unha proposta, subvencionada pola Deputación da Coruña e AGADIC.

A homenaxe forma parte da programación especial do 8M, que incluirá durante todo o mes de marzo, numerosas accións nos ámbitos cultural, con gran protagonismo do teatro, e socioeducativo.