Valdoviño estrea nas redes sociais o seu novo vídeo turístico creado por un realizador mozo do municipio
O Concello aposta polo talento local cun audiovisual con imaxes espectaculares que busca emocionar aos potenciais visitantes
O Concello celebra hoxe o día do seu patrón, San Mamede, coa estrea en primicia, a través das súas redes sociais do novo vídeo promocional do municipio. Trátase dunha aposta clara polo traballo creativo desenvolvido por un realizador novel da localidade. O audiovisual repasa, tirando das lembranzas que unha neta garda da súa avoa, os principais reclamos de Valdoviño, un auténtico paraíso natural.
O xermolo deste peza, de preto de tres minutos de duración, foi o traballo fin de ciclo presentado por Álvaro Núñez, un veciño da zona de Aviño, de 22 anos de idade, que vén de completar os seus estudos de realización audiovisual na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Animado polos seus propios mestres, este profesional recentemente titulado presentaba o proxecto ás titulares da concellería de Turismo, Jessica Sabín e Rosana García. E como subliña: “a acollida foi xenial”.
Así, o goberno local apostou dende o primeiro momento por dar visibilidade ao clip realizado por Núñez, en colaboración con outro talento xove, Adrián Vergara, e, dada a súa calidade apostou mesmo por convertelo no novo vídeo oficial co que a localidade se presentará como destino turístico.
Deste modo, o audiovisual completará o material promocional dispoñible no concello e reforzará a aposta municipal polo marketing turístico, un ámbito no que o vídeo se ten consolidado como ferramenta clave para chegar de maneira directa aos visitantes, mostrando o impresionante o espectacular medio natural e buscando emocionalo.
Cultura, gastronomía, praia, surf, tranquilidade, xente, liberdade… son só algúns dos aspectos que reflicte esta peza que, como apunta Núñez, “promociona o lugar, contando unha historia”. Un traballo que, á marxe da súa presenza nas redes sociais, servirá para presentar Valdoviño nas feiras e foros turísticos nos que estea presente o Concello.