Valdoviño entregará este sábado o galardón 8M a María Jesús García Funcasta no acto central do Día da Muller
Celebrarase na casa da cultura, a partir das 18 h, e incluirá a estrea teatral de “Mulleres en tempos dalgún día”, do grupo do Centro Cultural Rosalía
Valdoviño, 6 de marzo do 2026. Valdoviño celebrará este sábado ás 18 horas o acto central da programación deseñada para conmemorar o Día Internacional da Muller neste 2026. Nel, o alcalde, Alberto González, e as concelleiras de Igualdade e Cultura, Rosana García e Tamara Sabín, farán entrega do galardón 8M, que este ano recibirá María Jesús García Funcasta, máis coñecida por Chus. Unha das grandes valedoras do movemento asociativo e do seu papel como dinamizador sociocultural. Neste caso, dende Lago. Chus tomará o relevo de Mercedes Varela (AVV Vilarrube), Mercedes González (ACR A Frouxeira de Valdoviño) e Ana María Bouza (Centro Cultural Rosalía de Vilaboa), recoñecidas nos anos precedentes, e coas que compartiu traballo e compromiso.
No acto, que terá lugar no auditorio da casa da cultura con entrada libre ata completar aforo, o grupo de teatro do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa estreará a súa segunda producción: “Mulleres en tempos dalgún día”, escrita e dirixida por Ana María Bouza. Vén precedida polo extraordinario éxito da súa primeira obra, “Que che vaia ben meu canciño de palleiro”, que poñían en escena co gallo do Día das Letras Galegas 2025, e nela falarán da realidade cotiá das mulleres no século XX, recurrindo ao humor e á retranca para visibilizar e denunciar a desigualdade entre mulleres e homes.
