Valdoviño embárcase na organización en abril dun mercado de produtos ecolóxicos e de proximidade

O Concello abre ata este luns o prazo para que profesionais da artesanía, empresas e produtores autorizados do municipio poidan sumarse 

Valdoviño,16 de marzo do 2023. O Concello de Valdoviño perfila de cara ao mes de abril a posta en marcha dun mercado ecolóxico e de proximidade. Unha experiencia piloto que permitirá fomentar entre a veciñanza e os visitantes un consumo máis responsable e sostible. Para materializar o proxecto, convida a profesionais da artesanía, produtores ecolóxicos do municipio e empresas do sector verde a sumarse á iniciativa.

Ata o vindeiro luns, 20 de marzo, ás 14 horas, ábrese o prazo para que contacten co concello “operadores” da localidade (autónomos ou empresas) interesados en participar con postos de exposición, exhibición ou venda, que dispoñan das pertinentes autorizacións dentro do seu campo de traballo. Terán que cubrir este formulario, e envíalo ao correo electrónico cultura@concellodevaldoviño.com.

Así, a idea é poder contar no mercado con profesionais do ámbito agrario e, dende logo, cunha boa representación de artesáns locais, que permita dar visibilidade á variedade de oficios e produtos feitos en Valdoviño, dende os más tradicionais aos máis anovadores.

Con esta iniciativa, prevista inicialmente para o 22 de abril nas inmediacións da Porta do Sol, o Concello de Valdoviño busca apoiar á produción ecolóxica e a potenciación do que se coñece como produtos Km. 0. En definitiva, un consumo máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Realizarase unha selección entre todas as solicitudes presentadas, optando por aquelas que máis se adapten ao modelo de mercado ideado.

FORMULARIO DO MERCADO ECOLÓXICO E DE PROXIMIDADE