Valdoviño desplega na fachada da súa casa consistorial unha pancarta de condena á violencia contra as mulleres
As persoas interesadas en participar no acto central do 25-N, este domingo baixo o lema “Movámonos polo bo trato”, poderán retirar as súas invitacións na Casa da Cultura a partir de mañá martes
O Concello de Valdoviño desplegaba unha pancarta institucional na fachada da casa consistorial co gallo, o vindeiro mércores, do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. E, en paralelo, compartía a través da web municipal o manifesto aprobado por unanimidade en pleno. Así mesmo, e no marco desta conmemoración, as persoas interesadas en tomar parte no acto central organizado polo Concello de Valdoviño baixo o lema «Movámonos polo bo trato» poden retirar as súas invitacións na Casa da Cultura, a partir de mañá martes e ata o venres ou esgotar prazas. Iso si, en horario de 11 a 14 horas.
Será este un acto sobrio, acorde coa nova normalidade imposta pola covid-19. Celebrarase este domingo 29 a partir das 17 horas na Casa da Cultura, e arrancará cunha visita guiada á exposición «Nosoutras somos arte» de Francesca Novo. Así mesmo, continuará con varias lecturas a cargo do alumnado da ESO do CPI Atios, e concluirá coa proxección de varias curtas. Ademais, ao remate as persoas asistentes recibirán un paraugas lila conmemorativo.
Os actos inclúense no Programa Municipal de Igualdade e Prevención de Violencias Machistas Somos e Contamos, así como co apoio do Pacto de Estado contra la Violencia de Género.