Valdoviño despide este domingo o seu programa de rutas para pór en valor o patrimonio litoral
O interese por participar foi tal que a lista de agarda duplicou as prazas ofertadas
O Concello completa este domingo cun itinerario pola Senda das Ondas o seu programa de rutas guiadas incluído no proxecto “Valdoviño mar”. Unha iniciativa pensada para visitar e dar a coñecer máis en profundidade o patrimonio litoral da localidade que tivo unha excelente acollida por parte do público. De feito, a lista de agarda duplicou as 60 prazas ofertadas.
Dende o Concello de Valdoviño destacan a resposta por parte da poboación local, xa que a procedencia da inmensa maioría das persoas participantes (máis dun 80%) é da comarca de Ferrolterra. Un dato que fala do interese dos veciños da zona polos valores diferenciais da contorna e por saber máis do paraíso natural no que viven.
O ciclo de rutas, que finaliza esta fin de semana, apostou por itinerarios para todas as idades e de baixa dificultade, dirixidos por unha guía titulada. As dúas primeiras transcorreron polo banco marisqueiro de Vilarrube e pola zona de extracción do percebe no litoral de Meirás, gozando de espectaculares vistas da costa. Previamente, varios grupos de estudantes locais participaran en talleres e nun encontro co colectivo de mariscadoras para coñecer o seu traballo.
A ruta deste domingo terá unha duración de 4 horas e percorrerá unha parte da Senda das Ondas. Saíndo dende a praia de Pantín e pasando pola Punta Corveira e polo miradoiro do Paraño. Permitirá apreciar a costa de Valdoviño en todo o seu esplendor e coñecer historias sobre a evolución da paisaxe litoral actual e pasada.
O programa de rutas forma parte do proxecto “Valdoviño Mar, Futuro a toda costa”, financiado pola Unión Europea a través do GALP A Mariña-Ortegal, que continuará con novas acción entre as que figura a posta en marcha dunha exposición itinerante sobre aspectos da paisaxe costeira e os traballos que desenvolven as mariscadoras e percebeiros do Concello.