Valdoviño deséxalle sorte á internacional Alicia Fernández no Europeo de balonmán

A selección española enfróntase este sábado pola tarde a Suecia

A xogadora de balonmán valdoviñesa participa coa selección española de balonmán, actual subcampioa de mundo, no Europeo feminino, que se está a disputar en Dinamarca. Desde o Concello trasládanlle toda a enerxía positiva á súa conveciña, elixida deportista do ano 2018 de Valdoviño, e deséxanlle sorte na competición.

A pesar da derrota fronte a Rusia no arranque do Europeo, dende o Concello confían en que o combinado nacional, con Alicia Fernández nas súas filas, recupere o seu mellor xogo, tras meses de parón a causa da pandemia.

Fernández, xogadora do equipo rumano Râmnicu Vâlcea e habitual nas convocatorias do seleccionador Carlos Viver, é unha das pezas claves do equipo, que se enfrontará este sábado, a partir das 20.30 horas, a Suecia. Desde o Concello esperan que esta “Guerreira” volva brillar, amosando a súa faceta anotadora.