Valdoviño dá luz verde á primeira fase do proxecto básico e de execución do Plan de Recuperación das Baterías en Campelo

A corporación municipal aproba o documento e abre a porta á contratación das actuacións, que financiará ao 100% a Deputación

Valdoviño, 4 de setembro do 2026. A corporación municipal dá luz verde á primeira fase do proxecto básico e de execución do Plan de Recuperación das Baterías da defensa de Ferrolterra, que intervirá en Campelo Alto. Por unanimidade, o pleno aprobaba o documento na sesión celebrada onte, e abre a porta á contratación das obras por parte da Deputación da Coruña, administración que financiará tamén a intervención ao 100%.

Así, nesta primeira fase levaranse a cabo actuacións para facilitar o acceso; delimitaranse construcións e áreas de protección fronte á vexetación; procederase á limpeza e tratamento de paramentos e á mellora da seguridade nas construcións -demolicións de cubertas en situación de inestabilidade grave, retirada de cascallos e vexetación ou limpeza de fachadas e interiores, entre outros-, e disporanse carteis sinalizadores de tipo explicativo ou de advertencia.

En concreto, actuarase nas seguintes zonas:

-Acceso a garitas

-Edificio para taller, almacén e plantones da batería antiaérea 4×10.5 e construcións vinculadas

-Edificio para taller, almacén e plantones da batería 2×38.1 e construción vinculada

-Almacéns para municións

-Asentamento peza antiaérea 40 mm

-Batería de dous pozos

-Batería antiáerea de 4 pezas 4×10.5

-Telémetros auxiliares

-Lavadoiro

-Estación central telemétrica (calculador e sala de máquinas)

-Edificio de servizo ao Posto de Mando

-Telémetro 1

-Grupo de mando (telémetro 2)

-Asentamento peza antiaérea 20 mm

-Asentamento peza antiaérea 20 mm

Sobre a súa historia

A posición de Monte Campelo forma parte do Plan de Artillado de 1926, que xurdiu a principios do século XX como resposta ás novas necesidades na defensa costeira provocadas polo considerable aumento do alcance dos proxectís disparados desde os buques que, ademais, estaban xa acorazados. A súa misión era defender o golfo Ártabro dun posible ataque ou intento de ocupación da base naval por parte de escuadras inimigas.

O desartillado destas baterías foi progresivo: no ano 1936 desartillouse a batería antiaérea de 10,5 para o seu traslado ao Mediterráneo; en 1941 desartillouse a batería de 38,1 de Campelo Alto e os seus canóns leváronse ao emprazamento de Punta Paloma Alta, en Alxeciras. Por último, a batería antiaérea de 15,24 de Campelo Baixo desartillouse en 1991, quedando todo o complexo desafectado por parte do Ministerio de Defensa. Non obstante, esta longa condición de terreos afectos á defensa nacional permitiu a conservación dunha natureza practicamente virxe, xa que as obras militares, pola súa condición estratéxica, se construíron de modo mimético coa paisaxe, procurando camuflalas cos mesmos materiais do entorno e facéndoas semisoterradas.

Hoxe en día, tal e como recolle o proxecto, nos atopamos ante un conxunto no que a meirande parte das pezas non resultan accesibles ao visitante por mor da vexetación que as rodea, que nalgúns casos incluso impide a máis mínima percepción do contorno dos elementos ou dos viais que no seu momento lles daban servizo e os conectaban entre si. Entre os elementos que si se poden visitar tamén hai algúns en perigo inminente de derrube, co que cómpre unha intervención inmediata para garantir a seguridade. En xeral, tanto a vexetación como os entullos colmatan o chan por onde se mire, e o vandalismo tamén se cebou con boa parte dos paramentos, enchéndoos de pintadas. Ao anterior hai que sumar o mal estado dos camiños que aínda se amosan entre a vexetación, especialmente o tramo final cara o Pico da Vela.

Pese a toda a problemática exposta, e a carecer de pezas artilladas, a batería segue a ter un tremendo interese histórico e un gran potencial non só a nivel turístico senón como elemento vencellador entre o Estado e o territorio, tradución física dun plan integral de defensa que se traza de forma xeral e se leva a cabo con sutís adaptacións en cada punto. Con este proxecto danse os primeiros pasos en firme para a súa recuperación física das infraestruturas.