O Concello dá luz verde á adxudicación do servizo de axuda a domicilio municipal a Atendo Calidade SL

Valdoviño investirá nos próximos catro anos más de 3,6 millóns de euros neste servizo que atende aos veciños maiores e dependetes

O Pleno de Valdoviño vén de adxudicar o contrato de axuda a no fogar, o programa fundamental en materia de atención sociosanitaria que presta o concello. Unha nova concesionaria, a firma Atendo, asumirá o servizo que asiste na actualidade a 106 usuarios e usuarias, facilitando a vida noutros tantos fogares do municipio. Segundo destaca o alcalde Alberto González o novo contrato permitirá mellorar a atención aos maiores e dependentes e incrementar as horas que se prestan na actualidade.

A empresa galega Atendo Calidade SL, con ampla experiencia no sector, ocuparase  durante o próximo cuadrienio da xestión da axuda no fogar (SAF) en Valdoviño. O pleno da corporación deu luz verde á adxudicación por importe total de 3.645.120 euros (baseado nun prezo por hora de 17,58 euros na modalidade de dependencia, e 18,59 euros na de libre concorrencia). Isto supón que Valdoviño investirá algo máis de 900.000 euros anuais no funcionamento do SAF. Unha cifra importante que reflicte a clara aposto do goberno municipal polas persoas e, moi especialmente, polos máis maiores.

O servizo busca facilitar a permanencia no fogar, mentres sexa posible, dos veciños con  problemas de autonomía persoal, proporcionándolles unha atención individualizada – axuda nas tarefas da vida diaria como a limpeza do fogar e roupa, hixiene persoal, apoio social, compañía- que repercute na mellora da súa calidade de vida e un apoio a outros membros da familia. Na actualidade préstanse unhas 4.500 horas ao mes de atención.

Entre as melloras que aporta a nova empresa, que terá que subrogar ao redor de medio cento de traballadores, entre auxiliares de axuda a domicilio e persoas de coordinación, figura a posta a disposición dos usuarios e usuarias dun banco de axudas técnicas, que inclúe, entre outras cousas unha decena de camas articuladas, outros tantos colchóns antiescaras, cinco guindastres, andadores, cadeiras de rodas…

Ademais Atendo Calidade comprométese a ofrecer servizos complementarios como o de podoloxía ou o de fisioterapia (200 horas anuais para cada un) e limpezas extraordinarias (500 horas).