Valdoviño dá a coñecer a representantes municipais de Fuerteventura os seus recursos e proxectos turísticos e económicos

A axenda da mañá incluíu a visita á contorna da Frouxeira, o banco marisqueiro de Vilarrube e a praia do Rodo

Unha delegación de Fuerteventura integrada polo alcalde de Pájara, Pedro Armas; do concelleiro de Tráfico e Praias, Raimundo Dacosta, e membros do Cabildo Insular visitaron hoxe Valdoviño para achegarse aos seus principais recursos naturais e coñecer algúns dos seus proxectos económicos, especialmente aqueles centrados no turismo e o marisqueo.

O alcalde, Alberto González, xunto ao equipo de goberno, recibía aos representantes municipais no cámping municipal A Lagoa, para iniciar un percorrido que os levaría pola lagoa e praia da Frouxeira. O seguinte destino foi o banco marisqueiro de Vilarrube, onde coñeceron por boca das mariscadoras as especies, aparellos e características da Reserva Mariña. E pechando a axenda da mañá, desprazáronse á praia do Rodo, en Pantín.

Xa pola tarde, acudirán ao Océano Surf Museo, único equipamento en España dedicado ao surf, no que se lles explicará a concepción do proxecto, as vías de financiamento e apoios que tivo, ademais da implicación do sector na xeración de contido museístico.

Esta visita responde ao interese que provoca en terras canarias o potencial do surf e os atributos diferenciais de Valdoviño relativos ao seu litoral e chega nun momento moi oportuno, xa que o concello está a finalizar o proxecto “Valdoviño Futuro”, un diagnóstico participativo no que a veciñanza, asociacións, empresas locais, persoal técnico e representantes municipais están a contrastar o informe de necesidades do territorio, identificando posibles alternativas de mellora de xestión.