Valdoviño corta a auga das duchas das praias ante os excesos de consumo detectados

O encoro das Forcadas atópase a un 66 % da súa ocupación, o nivel máis baixo dos últimos 25 anos

Valdoviño, 11 de agosto do 2026. Valdoviño procede dende hoxe a interromper o subministro de auga nas duchas e lavapés da totalidade das praias do municipio. Trátase dunha medida preventiva e de responsabilidade anticipada, que chega nun momento no que se está a solicitar a veciñanza que reduza o consumo ante a escaseza de reservas hidrolóxicas.

O Concello vén de adoptar esta decisión despois de detectarse este días, tal e como sinala o edil responsable de Servizo, Benito Vega, “picos de consumo excesivos”, superiores incluso aos rexistrados en veráns anteriores. Unha situación preocupante pois cómpre lembrar que os niveis do encoro das Forcadas son os máis baixos dos últimos 25 anos.

Neste contexto, apóstase por inutilizar as duchas das praias en tanto a situación hidrolóxica non mellore. Unha medida de aforro que busca contribuír a protexer o abastecemento destinado a usos domiciliarios. Mantense, claro está, o subministro de auga tanto nas casetas de socorrismo como nos módulos de aseos dos distintos areais.

A finais de xullo o goberno local facía un chamamento á veciñanza solicitando un uso responsable e eficiente da auga, subliñando que, con xestos e actitudes en moitos casos sinxelos, pódese contribuír de forma decisiva a reducir o consumo.