Valdoviño convoca o proceso selectivo para a contratación de 1 albanel e 6 peóns con cargo ao programa PEL-Concellos

A publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia marca o inicio do prazo de presentación de solicitudes para optar aos postos

Valdoviño, 20 de maio de 2022. O Concello de Valdoviño contratará 1 albanel -oficial de segunda- e 6 peóns en réxime temporal ao abeiro do Plan de Integración Laboral da Deputación Provincial da Coruña PEL-Concellos. Será por espazo de cinco meses e medio, e no día de hoxe o Boletín Oficial da Provincia publicaba o anuncio da convocatoria, abrindo así o prazo de presentación de solicitudes para optar aos postos (comeza a contar a partir de mañá e por espazo de 5 días hábiles). É preciso estar en situación de desemprego e figurar inscrito/a como demandante de emprego nas oficinas do INEM, entre outros requisitos.

O Concello financiará as contratacións cunha achega de 46.000 euros concedida pola Deputación para este 2022. A xornada laboral será parcial (62,5%) e o horario distribuirase segundo as necesidades e organizacións dos servizos municipais de luns a domingo. As retribucións brutas mensuais do albanel oficial de segunda ascenderán a 1.225 euros, namentras que o salario bruto dos peóns será de 1.166,67 euros mensuais, paga extra prorrateada para ambas categorías laborais.

No seguinte enlace, convocatoria e impreso de solicitude para concorrer ao proceso selectivo: https://cutt.ly/8HPslLT