Valdoviño convida ás familias a rockear este domingo con Pakolas

As invitacións para asistir ao espectáculo poderán retirarse a partir deste martes na Casa da Cultura en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas

Valdoviño, 4 de outubro de 2021. Paco Cerdeira, rockeiro e guitarreiro, máis coñecido como Pakolas, traerá este domingo 10 de outubro a Valdoviño o seu espectáculo «Rockeamos todas con Pakolas». No auditorio da Casa da Cultura, a partir das 18 horas, interpretará en directo unha selección dos seus propios temas, revisados e rigorosamente escollidos para a ocasión, recollidos en libro-cds da Editorial Galaxia, nos que as protagonistas son ELAS: nenas, nais, inventoras, heroínas, doutoras, figuras femininas que tratan de poñer en valor a importancia de vivir en igualdade, de historias contadoras de superación de desigualdades, e de loita polo respecto e a liberdade. 

O espectáculo inclúese no programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e está dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos e ás súas familias. A entrada é gratuita, pero é preciso retirar invitación a partir de mañá martes 5 de outubro, e ata o venres ou completar aforo, na Casa da Cultura (en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 h).

Coa súa guitarra e a súa voz ao vivo, completando con bases gravadas de baixo e batería, e co seu estilo rockeiro tan inconfundible, Pakolas fará gozar por igual a maiores e pequenas/os, coas súas músicas e a súa forza creativa.