Valdoviño convida a pasear e tapear esta ponte
Dezasete establecementos hostaleiros participan na iniciativa que organiza o Concello do xoves 1 ao domingo 4 de maio, en horario de mediodía
Valdoviño, 30 de abril do 2025. Dezasete bares, cafeterías e restaurantes participan esta ponte festiva na I Ruta Pasea e Tapea por Valdoviño, que organiza o Concello do xoves 1 ao domingo 4 de maio. Unha iniciativa de promoción e apoio ao sector hostaleiro que convida a veciños e visitantes a desfrutar das extraordinarias paisaxes e da oferta gastronómica de calidade do municipio. Ademais, a cidadanía poderá elixir a mellor tapa de Valdoviño e optar ao sorteo de cestas de produtos gastronómicos, e tamén, dun xantar ou cea no local gañador.
As tapas serviranse en horario de mediodía, de 12:30 a 15:00 horas, ao prezo de euro e medio. A carta desta primeira edición de Pasea e Tapea por Valdoviño inclúe unha morea de propostas, dende os sabores máis tradicionais de pratos como os «Callos» (A Trasanquesa), a «Zorza e ovos» (Os Dous de Sempre), a «Tosta de cocido galego» (Casa Marino) ou as «Albóndegas da casa» (Horizonte) ata petiscos cun toque oriental como o «Futomaki de foie» (Clandestino) ou unións innovadoras como o «Polo á Coca Cola» (Morriña). Tamén hai tapas moi ligadas ao noso mar como o «Petisco á feira» (Teleclub Vilaboa), a «Causita de polbo» (Campo García), o «Salpicón de marisco emulsionado» (Mare Nostrum), a «Mini pizza de polbo á mugardesa» (Area Branca) ou a «Alegría de Primavera» (Piruliña). E petiscos nos que as carnes e produtos da zona como grelos e queixo cobran todo o protagonismo: o «Pastel de carne, tortilla e grelos» (Pide&Pika), «Malo Será» (Atlántico), «Bocaxeira de bocata e Frouxeira» (El Paseo), «Costillar de Adán» (Kami), «Brioche tostado con stick de tenreira galega» (O Bichesco) e «Patacas bravas» (café bar Porta del Sol).
Con cada tapa, os clientes recibirán un boleto, no que deberán anotarse o seu número de teléfono e, depositándoo nas urnas repartidas polos locais, poderán participar no sorteo de tres cestas de produtos gastronómicos. Ademais, se completan a ruta por 12 dos 17 establecementos participantes (de 4 das parroquias) e entregan a tarxeta selada, poderán elixir a súa tapa favorita e participar no sorteo dun xantar ou cea no local que finalmente resulte gañador tras o reconto de todas as cartillas.
