Valdoviño convida a celebrar o Samaín coas historias de arrepío de Paula Carballeira
No marco do programa municipal Escenarios Paralelos, a función terá lugar o domingo na contorna paisaxística do igresario vello de Loira
Un ano máis, o Concello de Valdoviño propón celebrar o Samaín este domingo, 1 de novembro, na contorna paisaxística do igresario vello de Loira. Nesta ocasión, coa narradora oral Paula Carballeira e as súas «Historias de arrepío». Función incluída no programa municipal Escenarios Paralelos co apoio da rede cultural da Deputación.
A sesión de contacontos dará comezo ás 18 horas neste entorno tan apropiado para a actividade. Iso si, en caso de choiva, trasladaríase ao auditorio da Casa da Cultura. Así mesmo, nun e noutro caso, para asistir é preciso retirar as invitacións previamente na Casa da Cultura (3 máximo por persoa), entre hoxe e o xoves 29 de outubro en horario de 11 a 14 horas
A FUNCIÓN
O medo é unha das poucas cousas que non buscas, o medo atópalo. As historias de medo só perseguen o arrepío do momento. É despois de lelas, una vez que estás na cama e que pensas que as historias que acabas de ler xa non teñen perigo, cando algo fai que as lembres: un son, unha luz, un golpe. Adoitan ser tres avisos, o tempo xusto para quitarche o sono.
.