Valdoviño converterase nunha das sedes do Campionato de España de Rugby Praia

O Torneo A Frouxeira Classic disputarase os días 17 e 18 de xullo, baixo a organización da Asociación Cultural y Deportiva Almallo Rugby

Organizado pola Asociación Cultural y Deportiva Almallo Rugby, Valdoviño acollerá os días 17 e 18 de xullo o Torneo A Frouxeira Classic. O campionato forma parte das Series Españolas, de modo que os equipos gañadores na categoría masculina e feminina puntuarán na clasificación xeral, avanzando no camiño para proclamarse campións de España na modalidade de Rugby Praia 5. De aí que a organización espere a chegada dos mellores equipos do territorio nacional, ofrecendo unha competición que se presume autenticamente espectacular.

Valdoviño converterase así nunha das 10 sedes do circuito nacional, antesala da competición europea na que participarán os clubes que se sitúen máis alto no ránking destas series estatais. Estes días, o municipio acollía a presentación  oficial do evento, marcando o inicio do prazo de inscrición para participar no torneo. Esta, debe formalizarse a través do correo almallorugby@sebeachrugby5.es ou no teléfono 657299572. No acto tomaban parte o alcalde, Alberto González; o presidente da asociación, Enrique Cardona; o concelleiro de Deportes, Sergio Saavedra; o secretario da entidade, Jesús Victoria, e o empresario Javier Fidalgo, responsable do Cámping Valdoviño, un dos principais patrocinadores privados do evento.

Nesta liña, Alberto González destacaba que o campionato converterase nun escaparate de promoción inmellorable do potencial da Frouxeira, sede nos dous últimos anos do Campionato de España de Surfing, para a práctica de deportes na area como o rugby, e por extensión, centrará as miradas no municipio e nos seus principais recursos turísticos. Unha opinión na que coincidía Javier Fidalgo, que prevé a afluencia de visitantes chegados de toda España, augurando unha magnífica ocupación nesas xornadas para hostalería e restauración locais. Pola súa banda, Sergio Saavedra aseguraba que o torneo permitirá achegar este deporte a un público máis amplo, e especialmente, a nenos/as e mozos/as, xa que a organización habilitará sesións de iniciación abertas á cidadanía en xeral.

Nesta liña, os responsables do torneo avanzaron que se habilitará unha zona de competición cunha pista central e un cupo máximo de 12 equipos masculinos, 6 femininos e 6 veteranos co obxectivo de evitar unha sobrecarga da praia e manter o máximo respecto aos valores medio ambientais dun areal único. Así mesmo, a competición virá acompañada dunha oferta de ocio complementaria que incluirá diferentes actividades lúdicas e musicais.

PROGRAMA

Así, xa o venres, 16 de xullo, a partir das 10 horas, procederase á apertura das instalacións deportivas e iniciaranse múltiples actividades no village, con zona de restauración, animación musical, photocall. E xa ás 21 h, está prevista a recepción e benvida aos equipos, así como o sorteo dos cruces.

O sábado, a partir das 11 h, darán comezo as actividades coa competición de escolas de Rugby, actividades lúdicas e a competición de Rugby Agility. Ás 15,30 h arrancará a competición oficial, e media hora máis tarde, principiará o primeiro partido. As 21 horas prevese o fin da fase de clasificación. O torneo retomarase o domingo ás 11 h coas finais nas diferentes categorías e partidos de exhibición das escolas, e ás 14,15 h está prevista a entrega de trofeos, con comida de peche de torneo ao seu remate.