Valdoviño converterase en abril na sede do Congreso Mundial de Mediciña do Surf

O municipio tomará do 5 ao 8 de abril o relevo de Torquay, en Australia, a última sede da cita que organiza a Surfing Medicine International

Valdoviño, 20 de decembro do 2022. Valdoviño acollerá do 5 ao 8 de abril, en plena Semana Santa, o Congreso Mundial de Mediciña do Surf (WCSM) organizado pola Surfing Medicine International. O prestixioso certame regresa ao hemisferio norte para ofrecer un programa de tres días de conferencias inspiradoras, talleres e actividades ao aire libre, con destacados especialistas e poñentes sobre a saúde dos surfistas, a prevención de lesións, o adestramento, o rendemento e a contorna mariña. 

Esta tarde, a Casa da Cultura, sede do Océano Surf Museo, acollía a presentación do certame internacional a cargo do alcalde de Valdoviño, Alberto González, e do neurociruxán e integrante da organización, Pedro Reimunde. Tamén participaban no acto o presidente da Federación Galega de Surf, Román Diez, e o xerente da Federación española, Lorenzo Chaves, así como Vicente Irisarri, cofundador do Océano Surf Club e un dos pioneiros do surf en Galicia. Ademais, Ingvar Berg, CEO de Surfing Medicine International, saudaba aos presentes a través de videoconferencia amosando tamén as súas ansias de visitar proximamente Valdoviño. 

O WCSM chegará a Valdoviño tralo seu paso por Australia, e alcanzará en 2023 a súa novena edición, consolidado xa como un congreso de vangarda que ofrece contido académico premium nun formato atractivo e interactivo, proporcionando unha plataforma de contidos baseados na evidencia científica e que pon en contacto a todos os profesionais involucrados e interesados no surf, como os profesionais médicos, a industria do surf, deportistas, estudantes, adestradores e preparadores físicos, científicos deportivos e ambientais, expertos en salvamento acuático e socorristas, todos eles unidos para poder compartir e formarse dunha forma cooperativa. 

Así, cada programa diario en WCSM 2023 estará adicado a un tema que reflicte as necesidades do surfista moderno: 

5 de abril: Obradoiros pre-congreso, rexistro e apertura do evento.

6 de abril: Lesións agudas e enfermidades relacionadas co surf.

7 de abril: Prevención de lesións e rendemento deportivo no surf.

8 de abril: Futuro do surf e a súa relación coa saúde e o medio ambiente. 

A matrícula no congreso debe formalizarse a través da web do WCSM23: https://www.surfingmed.com/world-conference-2023/ 

Alberto González destacou a oportunidade que suporá para Valdoviño acoller o que está chamado a ser o seu primeiro congreso internacional, gañando en proxección do territorio e tamén a repercusión para o sector servizos, nomeadamente aloxamentos e restauración. Pola súa banda, os representantes das federacións ratificaron o seu apoio a este tipo de eventos que fomentan a investigación científica en torno ao surf, e Pedro Reimunde, tras agradecer as facilidades dadas polo Concello, puxo en valor a importancia de contar en Galicia cun congreso anual único no mundo, que favorece o coñecemento científico vencellado ao surf.