Valdoviño contará con socorrismo durante a primeira semana de setembro na praia da Frouxeira
O servizo de salvamento remata no resto dos areais o 31 de agosto, agás en Pantín, que finaliza co campionato internacional de surf
Valdoviño, 28 de agosto do 2024. O Concello de Valdoviño lembra que este sábado, 31 de agosto, finaliza o servizo de salvamento e socorrismo nas praias de Vilarrube, Baleo e O Río. En Pantín manterase un día máis, ata o remate das probas da World Surf League no Pantín Classic. E só A Frouxeira, o areal máis concorrido da localidade, manterá o servizo durante a primeira semana de setembro. Prégase máxima prudencia ás persoas que se acheguen aos areais.
Como vén sendo habitual, co remate de agosto Valdoviño inicia o repregamento dos efectivos de salvamento nas súas praias. Faino, tras un verán no que, pese ss dificultades, o gobern local foi quen de dotar deste servizo aos seus cinco principais areais. A campaña, máis tranquila ata o de agora que a anterior, estivo marcada pola chegada, ás veces numerosa, de exemplares de carabela portuguesa ás costas locais, que obrigou, en repetidas ocasións, a prohibir o baño de maneira preventiva.
Co mes de agosto finaliza o servizo en Meirás, Vilarrube e Baleo. Excepcionalmente, por mor do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, estenderase na praia do Rodo ata este domingo, xornada de peche da competición, e só a Frouxeira contará con equipo de socorrismo ata o 8 de setembro, é dicir, ata dous días antes do arranque do curso escolar.
Desde o Concello piden unha extra de precaución á veciñanza e aos visitantes, que acudan ao longo do próximo mes aos seus areais, pensando en gozar do último baño do verán para evitar perigos e sustos innecesarios.