Valdoviño contará co seu primeiro Fogar do Maior na parroquia de Meirás

Sonia Fernández Peña, auxiliar de Enfermería e veciña do municipio, impulsa o proxecto, que vén de recibir o visto bo da Xunta

Valdoviño, 4 de novembro de 2021. Valdoviño contará co seu primeiro Fogar do Maior na parroquia de Meirás, próximo á cooperativa. Sonia Fernández Peña, auxiliar de Enfermería e veciña do municipio, está detrás do proxecto, que vén de recibir o visto bo da Consellería de Política Social. Trátase dun centro de día de prazas limitadas -5- dirixido a persoas dependentes en grao 1 e 2. Con este recurso, incluído na rede autonómica, búscase garantir a permanencia dos maiores no seu entorno, apoiar ás familias coidadoras e ofrecerlles un respiro familiar.

Tras a concesión da axuda que lle permitirá adaptar o espazo que ocupará o centro de día e poñelo en marcha, Sonia Fernández inicia agora unha etapa de tramitacións e obras que concluirá coa apertura deste centro. Nese momento, os Servizos Sociais municipais serán os encargados de derivar aos futuros usuarios que cumpran cos requisitos. En todo caso, as persoas que queiran acceder a este recurso público deberán seguir o procedemento de recoñecemento de dependencia e indicar o mesmo como expectativa.  

O recurso estará financiado pola Xunta, agás o servizo de comedor, de carácter opcional, e prevese que o horario sexa de 8,30 a 16,30 h, aínda que Sonia xa avanza que se adaptará ás necesidades das familias nesa franxa. 

O futuro Fogar do Maior ocupará a pranta baixa da vivenda de Sonia, en Meirás. Un espazo de 100 metros cadrados no que se habilitarán diferentes estancias como zona de actividades, de descanso, baños adaptados ou cociña. Así mesmo, disporá de zona verde exterior accesible. En todo caso, para Sonia o máis importante é que os usuarios se sintan como na casa.