Valdoviño conmemorará o Día das Bibliotecas con talleres, teatro e retomando o Foro Literario

O Concello abre este luns inscricións para participar no obradoiro creativo “Debuxar letras” con Alba Farto, que terá lugar o sábado 22

Valdoviño, 14 de outubro do 2022. O Concello de Valdoviño conmemorará con obradoiros, teatro e o Foro Literario o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro. 

A programación arrancará o próximo venres 21, co espectáculo «Minguante canta poesía galega» de Miguel Alonso. Dirixido a mozos, mozas e persoas adultas, terá lugar na Biblioteca ás 20,30 horas. Nel, e a través da música da banda de Miguel Alonso, o público poderase achegar a autores actuais e clásicos da literatura galega. A entrada é de balde, sen inscrición previa. 

Ao día seguinte, sábado 22, ás 11,30 h, a Biblioteca acollerá o obradoiro creativo «Debuxar letras» con Alba Farto. Para nenos e nenas a partir de 8 anos, neste caso é preciso inscribirse previamente na Casa da Cultura -dende o luns 17 de outubro ata o venres 21 ou completar prazas-. Nel, as persoas participantes poderán aprender técnicas e estilos para o arte de debuxar letras a man de forma creativa, experimentando coas tintas e realizando deseños propios. 

Así mesmo, a programación continuará o domingo 23 coa obra de teatro «A viaxe de Mina» de Maio Creacións Artísticas. Con entrada de balde, dará comezo ás 18:00 horas no auditorio da casa da cultura. Unha obra sobre igualdade, respeto e tolerancia como vías para fomentar unha educación igualitaria que elimine ideas preconcebidas e prexuízos de carácter sexista. 

Ademais, o xoves 27 arrancará a segunda edición do Foro Literario. Guiado por Antón Cortizas, contará na primeira sesión coa escritora e tradutora Ana Varela. Para participar, será preciso inscribirse previamente na casa da cultura. 

E, como broche de ouro á programación, o 30 de outubro a compañía Pedras de Cartón traerá a Valdoviño a súa obra «Quixote». Con entrada de balde, dará comezo ás 18:00 horas no auditorio. A compañía afronta o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, en clave de comedia. Cunha estética inspirada no pallaso clásico (moi ao estilo Fellini) e en clave de clown, abordan as escenas máis icónicas da novela, da relación antagónica entre Quixote e o seu escudeiro Sancho.