Valdoviño conmemora o Día das Bibliotecas con presentación literaria e teatro infantil
A escritora local Medos Romero inaugura a programación coa presentación da súa última obra “As flores do baleiro” este venres ás 19:30 horas
Valdoviño, 20 de outubro do 2025. O Concello de Valdoviño celebra esta semana o Día das Bibliotecas con presentación literaria e teatro infantil. A primeira actividade terá lugar este venres 24 de outubro na Biblio. A partir das 19:30 horas, a autora local Medos Romero presenta a súa obra «As flores do baleiro». No acto, estará acompañada da tamén escritora Ana Varela, coa que conversará sobre o seu último título, un pranto contido diante dunha inmensa traxedia humana, un testemuño poético e persoal dende o ventre da pandemia, a dor en extrema soidade. Unha obra que tamén fala da fraxilidade do ser humano, de egoísmo e necidade, e da barbarie na súa dimensión máis salvaxe.
Así mesmo, o domingo 26, o Concello de Valdoviño convida a toda a familia á representación teatral de «Castelao» de Culturactiva Producións. O espectáculo dará comezo ás 18:00 horas, con entrada de balde, e libre ata completar aforo. Trátase dunha das primeiras propostas escénicas para a infancia centrada na figura de Castelao. Con texto de Paula Carballeira, dirección de Fina Calleja, e Mónica Camaño e Cris Collazo sobre o escenario, a obra presenta a un Castelao divertido e aventureiro, un pirata con arriscadas aventuras no peirao de Rianxo que resolve os problemas que se lle presentan grazas ás súas múltiples capacidades.
