Valdoviño confirma a visita dos Reis Magos ao municipio este luns 5 de xaneiro

A tradicional cabalgata partirá ás 18 h da casa consistorial

Valdoviño, 2 de xaneiro do 2026. As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente farán unha parada en Valdoviño o vindeiro luns 5 de xaneiro. Convidados polo Concello, agárdase a súa chegada á casa consistorial sobre as seis da tarde. Alí esperaranos os seus paxes, e unha morea de axudantes, nenos e nenas que este venres participaban no obradoiro de disfraces organizado polo Concello para dar colorido á cabalgata.

Ao son das gaitas do Centro Cultural Rosalía de Vilaboa, iniciarán entón un percorrido que os levará á Casa da Cultura, e no que repartirán centos de caramelos. No auditorio, atenderán as peticións dos máis pequenos e pequenas da casa, e entregaranlles un pequeno obsequio.

O Concello quere agradecer a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño e da Policía Local, que velará pola seguridade do percorrido.